"As brigadas deseucaliptizadoras nacen da opción de deixar de laiarnos e actuar"

Joam Evans [Imaxe: PGL]

As ‘Brigadas deseucaliptizadoras’ defínense como unha iniciativa de voluntariado ambiental para recuperar a biodiversidade e combater a eucaliptización de Galiza. A primeira destas brigadas, a da comarca do Barbanza, vai lanzarse públicamente o vindeiro 21. Falamos con Joam Evans, da comunidade de Froxán, de onde saíu a idea para este proxecto que aposta na implicación social para pular pola recuperación da biodiversidade dos montes do país. "Hai un movemento social que está disposto a implicarse para transformar o monte galego".

-Como xorde a idea de poñer en andamento unha proposta como a destas brigadas?

 

-En Froxán [Lousame, cunha comunidade de montes activa e implicada en erradicar o eucalipto e recuperar a biodiversidade dos montes] temos una idea do que queremos facer co monte e temos claro que o eucalipto non pinta nada. O ano pasado comezamos a facer rogas e albarocas ambientais…

 

-Que vén sendo como traballo comunitario, non é?

 

-Basicamente é iso. Persoas voluntarias acudiron a Froxán para quitar o eucalipto e outras especies invasoras. Foi unha experiencia moi positiva, con xente vindo de moitos sitios distintos para axudar. Pensamos entón por que iso non podía facerse tamén noutros lugares. De aí saíu a idea das brigadas. Nas actividades que facemos en Froxán había xente de Verdegaia Ribeira e formulámoslle a eles esta proposta, asumindo darlle cobertura e responsabilidade ao proxecto. E este 21 de abril vaise lanzar publicamente.

 

-En Froxán.

-As brigadas son basicamente un formato, a idea é que se faga con entidades locais e xente por todo o país. Teñen un factor de custodia do territorio, propietarios de terreos que queren que os seus terreos con eucalipto ou outras especies invasoras pasen a ser outra cousa, que queiran esa transformación. Ten que haber algún tipo de compromiso de que iso se manteña no tempo.

 

As brigadas tamén teñen o factor do voluntariado: hai moita xente con vontade de vir ao monte, nós vímolo en Froxán, moita xente con vontade de colaborar, de non ficar sempre nas queixas porque a Xunta non fai nada…

 

Hai moita xente con vontade de vir ao monte, nós vímolo en Froxán, xente con vontade de colaborar, de non ficar nas queixas porque non se fai nada…

 

-O 21 presentarase a primeira brigada, cales serán os primeiros pasos? Remarcades a importancia da descentralización…

 

-Este proxecto, ao que Verdegaia lle dá cobertura, é un proxecto que quer ser descentralizado. As brigadas van ser comarcais, o 21 preséntase a primeira que é a Brigada do Barbanza. A idea é que desde distintos colectivos de diferentes partes do país se impulsen as súas brigadas. Desde que no Sermos publicastes a noticia [5 de abril] xa se puxeron en contacto connosco desde tres lugares interesándose pola iniciativa: do Condado, de Pontevedra e do Ribeiro. Tamén van máis de 30 persoas apontadas como brigadistas desde diferentes partes de Galiza. A idea é que a xente se vaia organizando ela mesma, que as brigadas vaian xurdindo e vaian tendo vida propia e actuando…

 

-A actuación sería naqueles terreos que a xente pon a dispor do proxecto…

 

-A casuística pode ser aquí moi diversa. Por exemplo, se hai terreos con eucaliptos de 20 anos, non van ir voluntarios a tombar eucaliptos de 40 centímetros de diámetro. Aí haberá que chegar a un acordo cun madeireiro que o retire e que non se dane as especies autóctonas que poida haber. Se desa madeira vai saír un beneficio económico, pídese que parte del vaia para compensar, comprando maquinaria para as tarefas das brigadas, especies frondosas para plantar… Pode haber casos de moi diverso tipo. Agora mesmo a situación é outra, actuando en terreos que arderon e onde o traballo é triturar as masas espontáneas de eucalipto que están a medrar neles. En todos os casos ten que haber un compromiso a longo prazo, quer verbal quer escrito para recuperar o bosque autóctono, acordos de custodia, ou outros.

 

Que isto o tiña que facer a propia administración? Claro que si mais iso non está a pasar, non si?, por iso o fai a xente

 

-O motor das brigadas é a idea de que é posíbel outro monte galego..

 

-Aínda que Ence e o sector a favor do eucalipto se empeñen no contrario, existe un amplo consenso no ámbito científico de que é unha especie cun impacto negativo: sexa na biodiversidade, sexa na responsabilidade nos incendios, sexa en moitas outras cousas. Valorar se o eucalipto é máis ou menos rendábel economicamente non pode ser o criterio único, con ese mesmo criterio tamén poderiamos encher Galiza de centrais nucleares.

 

Todos os anos, cando chegan os incendios, laiámonos: a Xunta ten que facer tal, as comunidades teñen que facer cal, hai que aplicar a Lei de Montes… e a realidade é que na Xunta non hai vontade. Pois en vez de queixarnos tanto, e sen esquecer as responsabilidades de cada quen, e a Xunta tenas, apostamos en cambiar o monte, facendo. Esta é a idea de fondo. Deixar de laiarnos tanto e actuar. Hai un movemento social que en está disposto a facer, a implicarse en diversas frontes para transformar o monte galego.

 

-Unha iniciativa da propia comunidade, que decide facer fronte a un problema ante o cal entende que a administración non actúa ou inclusive que ten responsabilidade no propio problema.

 

-Somos conscientes de que o impacto das brigadas vai ser pequeno, claro, hai en Galiza 700.000 hectáreas con especies invasoras: eucalipto e outras. Mais naqueles sitios onde actúen as brigadas estarase a demostrar que se pode facer e estase a mobilizar xente que ao mellor non teñen relación directa co monte e que estás a sensibilizar, a transformar esa vontade e sensibilidade inicial, a preguntarse que está a pasar no monte.

 

Que isto o tiña que facer a propia administración? Claro que si, mais iso non está a pasar, non si?, por iso o fai a xente.