Polémica: Para celebrar o Día da Patria Galega... unha bandeira de España!

A Patrulla Aguia coas cores da bandeira española (Imaxe: Nós Diario).

O Exército español sobrevoará o domingo, Día da Patria Galega, coa chamada Patrulla Aguia, o ceo en Compostela para tinguilo coas cores da bandeira española. Un anuncio que provocou o malestar de usuarios e usuarias das redes sociais, que critican esta exaltación do españolismo.

Esta sexta feira a primeira hora da tarde aterrarán no aeroporto Rosalía de Castro-Santiago de Compostela sete avións da Patrulla Aguia do Exército español.

Partirán o domingo, 25 de xullo, Día da Patria Galega, do aeroporto para tinguir das cores da bandeira española o ceo en Compostela. Farao coincidindo coa parada militar nos actos de ofrenda ao apóstolo que decorrerán na praza do Obradoiro ás 12 horas e que contarán coa presenza dos reis de España e das súas fillas, alén de representantes do Goberno español, do galego e do municipal.

A esa mesma hora, partirá da Alameda compostelá a manifestación nacional convocada polo BNG con motivo do Día da Patria Galega. Milleiros de bandeiras da Patria tinguirán as rúas compostelás para reivindicaren o carácter nacional da Galiza.

A mobilización da formación nacionalista concluirá a escasos metros do Obradoiro, na praza da Quintana, onde tomarán a palabra a portavoz nacional, Ana Pontón, e mais o secretario xeral de Galiza Nova, Paulo Ríos.

Ás 12.30, tamén da Alameda, partirá a "manifestación unitaria" convocada por dez organizacións republicanas e independentistas "polo exercicio do dereito de autodeterminación". Está impulsada por Agora Galiza-Unidade Popular, a Asemblea Republicana Galega, a Plataforma pola Terceira República, Cedeira pola Esquerda, Estudantes Antifascistas, o Colectivo Republicano de Redondela, o Partido Comunista dos Pobos de España (PCPE) e os comités antifascistas de Compostela, Lourinha e Vigo.

Unha hora máis tarde, e desde o mesmo punto que as anteriores, decorrerá a do independentismo, baixo o lema “Umha história de luita, um futuro nosso”.

Críticas ao Goberno estatal

O anuncio non pasa desapercibido nas redes sociais: "De quen sería esa idea? No día de reafirmación da identidade da Galiza, onde millares de persoas se deslocan a Compostela para se manifestar e exixir respecto, o Exército español fará iso? Máis unha provocación a listar que só contribúe ao sentimento de independencia", sinala un usuario.

Outros cargan contra a Xunta da Galiza, o Goberno estatal e mesmo o Goberno municipal. "É unha obscenidade", "Xera un sentimento de ameaza e máis nacionalismo", "Haberá que preguntar aos que teñen as competencias, o Goberno español que son moi progresistas", "Con isto queda claro que somos unha colonia"... son algunhas das apreciacións de usuarias e usuarios de Twitter.

Precisamente, a medida que se achega o 25 de xullo son máis as persoas que exhiben a bandeira da Patria nas xanelas da súa vivenda