Celadores de Urxencias do HULA, ao límite ante a "escaseza" de recursos: "Non damos feito"
O persoal mobilizarase este 18 de febreiro ás 16 horas diante do servizo para denunciar unha situación que cualifican de “estrutural”, con arredor de 300 pacientes diarios e carencias tanto de recursos humanos como materiais. A falta de avances nas negociacións coa xerencia levou o colectivo a reactivar as concentracións tras meses de reclamacións sen respostas concretas.
Esta cuarta feira, 18 de febreiro, os celadores de Urxencias do HULA, o Hospital Universitario Lucus Augusti, están chamados a retomar as concentracións após a falta de diálogo coa xerencia do centro. Así, o persoal mobilizarase ás 16 horas diante do propio servizo para reclamar máis medios humanos e materiais e denunciar o que consideran unha situación “estrutural” que afecta tanto a atención aos pacientes como as condicións laborais.
Segundo explica un dos portavoces do colectivo, Jacobo Goás, levan meses trasladando por escrito á dirección as súas demandas sen obter respostas concretas. Aseguran que as reunións mantidas até o momento non se traduciron en compromisos efectivos e que, tras dar unha pausa ás protestas diarias á espera de avances, decidiron retomalas ante a falta de solucións.
Entre as principais reivindicacións figura o reforzo de persoal en diferentes quendas, especialmente nas mañás e nas noites, cando —afirman— “un celador só non dá feito” para asumir ingresos, traslados e mobilizacións de pacientes. Tamén denuncian a escaseza e o mal estado de padiolas e cadeiras de rodas, así como a falta de material básico nun servizo que, segundo indican, atende arredor de 300 pacientes ao día. No documento remitido á Dirección de Recursos Humanos, o persoal detalla unha batería de medidas concretas para corrixir estas carencias.
300 pacientes ao día e material insuficiente
As reclamacións non se limitan ao persoal. O escrito recolle que o servizo atende unha media de 300 pacientes diarios, unha cifra que, segundo o colectivo, non vai acompañada dos medios materiais necesarios.
Denuncian a falta de padiolas e cadeiras de rodas suficientes, así como a carencia de equipamentos básicos nas cadeiras. Tamén alertan da escaseza de tensiómetros e monitores en todos os boxes, especialmente na área de críticos. Ademais, sinalan problemas estruturais como a falta de espazos adecuados para pacientes pendentes de Observación e para os seus acompañantes, a ausencia de baños adaptados ou a insuficiencia de cadeiras nas salas. O persoal sanitario manifesta tamén a imposibilidade de ofrecer unha atención axeitada a pacientes que permanecen horas á espera dunha cama.
“Hai momentos nos que un celador só non dá feito”
Os celadores aseguran que levan “moito tempo” advertindo destas carencias sen obter solucións reais. “Dinnos que chegaron padiolas e cadeiras novas, e non dicimos que non sexa verdade, pero na práctica non aparecen”, explican. Insisten especialmente na situación das quendas de mañá e, sobre todo, de noite. “Hai momentos nos que un celador só non dá feito. Se ten que facer un ingreso ou trasladar pacientes, queda a zona descuberta. E cando hai que mobilizar persoas encamadas, non sempre hai outro profesional dispoñíbel”, relatan.
Segundo indican, a xerencia comprometérase a estudar as propostas e convocar novos encontros, solicitando incluso que se paralizasen as mobilizacións. Porén, aseguran que varias desas reunións non chegaron a celebrarse. “Quedaron en chamarnos para seguir falando e non o fixeron. Advertimos que, se non había reunión, retomaríamos as concentracións”, sinalan.
O persoal de enfermaría e TCAE tamén trasladou reclamacións pola falta de material, aínda que optou por agardar á resposta da dirección tras manter unha xuntanza propia. Con todo, os celadores manterán os paróns diarios como medida de presión para forzar unha resposta da xerencia e abrir unha negociación que permita mellorar tanto a calidade asistencial como a organización do servizo.
O Comité de Atención Primaria denuncia carencias “graves” en toda a área
O Comité de Centros de Atención Primaria da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte denunciou tamén “deficiencias graves” na subministración de material en centros de saúde de toda a área. Segundo sinala a representación do persoal, levan máis de dous anos trasladando esta problemática nas mesas permanentes coa Xerencia sen obter solucións nin —afirman— interese por parte da dirección para reverter a situación.
As carencias afectan, segundo o Comité, a produtos básicos imprescindíbeis para o funcionamento diario dos centros, como vendas, que non chegan malia seren solicitadas en tempo e forma a través dos canais habilitados. Tamén denuncian que materiais clave para garantir a seguridade e cumprir cos protocolos de prevención de infeccións —como luvas estériles, máscaras FFP2 ou panos estériles— se envían en cantidades “absolutamente insuficientes”, o que provoca que os centros esgoten existencias poucos días despois de recibir os pedidos e teñan que agardar até quince días pola seguinte remesa.
No caso de materiais específicos para curas, como determinados apósitos subministrados de maneira controlada para pacientes concretos, o Comité asegura que chegan en cantidades inferiores ás necesarias e con meses de atraso, obrigando os e as profesionais a reorganizarse para poder atender ás persoas usuarias, coa conseguinte incidencia na calidade asistencial e na carga de traballo.
Ademais, denuncian que a falta de subministración non afecta só ao material sanitario, senón tamén ao administrativo, que en ocasións se recibe en cantidades menores ás solicitadas ou é directamente rexeitado pola unidade correspondente. A representación das persoas traballadoras acusa tamén á unidade de subministros, dependente do departamento de Recursos Económicos, de remitir albaráns “manipulados e falseados”, igualando nos documentos as cantidades servidas ás solicitadas malia reducir previamente o número real de unidades enviadas. O Comité esixe á Xerencia que adopte medidas inmediatas para garantir unha subministración axeitada e que se respecte o criterio profesional do persoal sanitario e administrativo.