"As listas de espera son un inferno para pacientes e profesionais": o malestar polos tempos de agarda triplicouse en 10 anos

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, no Parlamento galego, a semana pasada. (Foto: Arxina)
O Ministerio de Sanidade principiou o trámite para mudar os criterios de información das listas de agarda e incluír Atención Primaria.

O Ministerio de Sanidade comezou esta segunda o trámite de consulta pública previa para a elaboración dun novo Real Decreto destinado a "unificar e modernizar o tratamento da información sobre as listas de espera" no sistema público de saúde. A reforma, sinala o Ministerio, procura solucionar "as diferenzas de interpretación" entre comunidades que actualmente dificultan a comparación obxectiva de datos, intentando rematar coas "listas ocultas" ao tempo que incluirá indicadores sobre tempos de acceso en Atención Primaria, ou a medición de demoras en saúde mental. A propia ministra, Mónica García, recoñece que a sanidade pública sofre un "desgaste social" polas listas de espera, algo que se recolle en traballos como a Enquisa de Saúde do Instituto Nacional de Estatística (INE). Este documento do INE rexistra na súa última entrega, correspondente a 2025, como o número de galegas e galegos que achacaban ás listas de espera a imposibilidade de acceder á atención sanitaria era máis do triplo que no anterior estudo do INE sobre este tema, en 2017. 

O INE cifraba en 31,8% da poboación galega a que se queixaba de que as listas de agarda dificultábanlles o acceso á sanidade. Só A Rioxa presenta peores rexistros (36,08%). A  media estatal é de 18,3%, 13 puntos por baixo da Galiza. A situación empeorou, ademais e considerabelmente, a respecto da Enquisa de Saúde de 2017. Daquela a porcentaxe de galegas e galegos que afirmaban que as listas de agarda implicaban atrasos importantes na súa asistencia médica ou ben que lle impedía o acceso á mesma era de só 9,8%.

Fernando Abraldes

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, respondía o verán pasado, a preguntas de Nós Diario, sobre as listas de espera, que estas "son as que son". Porén, e en base aos últimos datos oficiais —xuño de 2025— 49.223 persoas esperaban por unha intervención cirúrxica na Galiza e máis de 193.000 agardaban por consulta cun especialista. "As listas de espera xeran nos pacientes ansiedade, inseguridade, até poden agravar as doenzas", relata a Nós Diario Fernando Abraldes, da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, unha das máis activas na Galiza na denuncia das agardas excesivas para ser atendido na sanidade pública. "Hai unha normativa autonómica sobre listas de espera pero incúmprese sistematicamente. Poden darche prioridade un para ser atendido [menos de 30 días] pero o tempo de espera non se adecúa a iso, é moito máis. E non pasa nada", critica.

Unha ferramenta "privatizadora"

Para Anxo Teixeiro, radiólogo nun hospital da área sanitaria de Pontevedra, á hora de analizar a sanidade pública non se debería pór o foco exclusivamente nas listas de agarda. Os xestores do sistema sanitario público aproveitaron esas grandes cifras de xente en espera para, indica a este medio, "ofrecerlles unha solución: se non queredes esperar tanto derivámosvos á privada", facendo así das listas "unha ferramenta privatizadora". 

Anxo Teixeiro

Contundente na súa visión das listas de espera é Elisa Ausín, doutora de Atención Primaria na área sanitaria de Vigo. "As listas de espera son un inferno para o doente e para o profesional", afirma. "Moitas desas atencións que non se fan en tempo en asistencia hospitalaria polas listas de agarda acaban volvendo aquí, á Primaria", explica. "Xente que agarda meses para que o atenda o traumatólogo e que continúa con dor no xeonllo, que fai? Pois, lóxico, intenta buscar solución no médico de cabeceira, pedindo medicación etc...", apunta esta profesional.

Outra repercusión "importantísima", sinala Ausín, para a Atención Primaria das listas de agarda é o que "adoita alongar a duración dos procesos de incapacidade temporal [as baixas laborais]". Teixeiro apunta, ademais, que as primeiras consultas adoitan "ir a tempo" mais o problema é que "non son totalmente resolutivas" polo que precisan de probas, outras consultas, e esas "si que se van adiando cada vez máis", nunha dinámica que afecta doentes e profesionais.

"Así, ao final, as listas non son de pacientes en espera de ser atendidos, senón de pacientes en espera dunha cita", lamenta Fernando Abraldes.

Seguimento da folga

Elisa Ausín

O seguimento esta segunda da folga de persoal médico na Galiza contra o estatuto marco impulsado polo Ministerio de Sanidade tivo un seguimento segundo a Xunta da Galiza de 17%, unha porcentaxe que O'Mega –un dos sindicatos convocantes do paro, canda CESM– eleva a 85%. O Sergas sitúa en máis de 22% na quenda de mañá o seguimento nos grandes hospitais, onde o paro tivo máis repercusión, como recoñecen tamén os convocantes da protesta. Na quenda de tarde, a Consellaría de Sanidade reduciu por baixo de 4% o seguimento da folga. O mparo será até a vindeira sexta.

"Graves erros" no subministro de material sanitario

O Comité de centros de Atención Primaria da area sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte de Lemos, que preside Montse Porteiro, denunciou esta segunda feira "graves deficiencias na subministración de materiais nos centros de saúde de toda a área sanitaria". Segundo o Comité, as deficiencias afectan produtos básicos necesarios para o funcionamento diario, como vendas, que non chegan malia seren solicitadas polo persoal en tempo e forma.

Tamén alerta  o órgano representativo do persoal de que materiais indispensábeis para garantir a seguridade e cumprir cos protocolos de prevención de infeccións —como luvas estériles, máscaras FFP2— están a ser enviados en cantidades insuficientes, o que provoca que os centros esgoten as existencias nos primeiros días tras recibir a remesa. A situación agrávase, afirman, no caso de materiais “especiais” para curas, como certos apósitos que se distribúen de forma controlada para pacientes concretos.

Montse Porteiro

O Comité denuncia que, ademais de chegar en cantidades moi inferiores ás necesarias, poden tardar meses en ser entregados. Por último afirman que hai "albaráns cos pedidos falseados e manipulados".  Desde a Xerencia da área sanitaria negan todas estas denuncias e afirman que o material envíase "de maneira regular e nas cantidades precisas".