CCOO e UXT saen á rúa nun Primeiro de Maio "marcado pola suba de prezos"

Manifestación de CCOO e UXT este 1 de Maio na Coruña (Foto: CCOO).
CCOO e UXT exixen neste Primeiro de Maio responsabilidade social por parte das empresas pero tamén unha “resposta pública” que lles permita aos máis vulnerábeis facer fronte á subida dos prezos.

Neste Primeiro de Maio Comisións Obreiras (CCOO) e a Unión Xeral de Traballadores (UXT) convocaron varias mobilizacións e denunciaron que a “subida da inflación non vén motivada só polo contexto internacional, unha parte importante desta subida é orixinada polo exceso de beneficios empresariais”.

Segundo estes sindicatos, “as empresas repercuten as subidas enerxéticas e de materias primas no prezo final cara aos consumidores, para manter as súas marxes de beneficios, o que está a afectar dun modo moi negativo sobre os segmentos máis vulnerábeis da poboación”.

"Responsabilidade social"

Ante isto, CCOO e UXT exixen neste Primeiro de Maio responsabilidade social por parte das empresas pero tamén unha “resposta pública” que lles permita aos máis vulnerábeis facer fronte á subida dos prezos. “Se ben é certo que xa se puxeron enriba da mesa medidas neste sentido, ante a conxuntura actual, hai que reforzalas e dotalas de eficacia”, engaden.

“Ante unha inflación tan elevada como a actual, hai que protexer as rendas do traballo, os salarios. Urxe garantir, mediante a negociación colectiva, salarios que crezan en parámetros equivalentes á inflación, para o que hai que exixir en todos os convenios cláusulas de garantía salarial”, aproveitan para salientar.

Acerca do emprego, CCOO e UXT inciden en que “vai seguir sendo o principal obxectivo sindical”. “A reforma laboral de 2021 está a mellorar a situación, superando o millón de persoas afiliadas á Seguridade Social na Galiza, reducíndose a temporalidade en tan só un ano en 7,7 puntos, a contratación indefinida pasa dunha media mensual de 9,5% ao 38%, mellórase o emprego de mulleres e mozos. É dicir, a reforma laboral dá os seus froitos  pero hai que seguir traballando nesta liña”.

Custo de despedimento

A ambos sindicatos tamén lles "preocupa" o custo do despedimento no Esatdo español. “España asinou no 2021 a Carta Social Europea, de obrigado cumprimento. Pero aínda segue a ser fácil e barato despedir. Hai que avanzar cara a un custo do despedimento suficientemente disuasorio, xusto e axeitado ás circunstancias sociais, vitais e de reempregabilidade das persoas vítimas de decisións inxustas, de acordo coa doutrina do Comité Europeo de Dereitos Sociais”.