CCOO recoñece os efectos lesivos de Altri para o medio ambiente

Xuntanza do Comité de Dirección Nacional de CCOO. (Foto: Nós Diario)
O sindicato contradí a súa federación de Industria, que tomara postura a favor do proxecto de macrocelulosa na Ulloa

Logo de que a súa federación de Industria tomara postura a favor do proxecto de macrocelulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa), o sindicato Comisións Obreiras (CCOO) instou esta sexta feira a todas as partes implicadas a traballar pola viabilidade deste tipo de proxectos industriais, "pero non a calquera prezo".

Nun comunicado, a Dirección galega de CCOO mostrou a súa "preocupación" pola xestión que se está levando a cabo desta iniciativa, que busca construír unha macrocelulosa en Palas de Rei, ao estar a xerar "máis dúbidas que certezas".

A pesar de constatar as "grandes potencialidades" dos proxectos industriais na Galiza baseados na utilización dos "recursos endóxenos", "e por tanto dificilmente deslocalizábeis", o sindicato defende a necesidade dunha industria "sostíbel, resiliente, moderna e respectuosa co medio ambiente".

Para CCOO, o proxecto de Greenfiber, formada pola enerxética Greenalia e a multinacional lusa Altri, "ocasiona un impacto negativo sobre o medio ambiente que deberá ser minimizado" para cumprir cos obxectivos de loita contra o cambio climático e desenvolvemento sostíbel.

Garantir a aceptación social e ambiental

Por iso, CCOO pediu á Xunta da Galiza e ao resto de Administracións que actúen para previr e reducir estes impactos. Sobre o uso de recursos hídricos, reivindicou que Altri –que usará 46 millóns de litros de auga ao día extraídos do encoro de Portodemouros– "deberá axustar a súa demanda á dispoñibilidade que teña o río Ulla".

"A implantación desta industria debe abordar de forma equilibrada as tres dimensións do proxecto: a económica, a ambiental e a social", incidiu o sindicato, instando a todos os axentes implicados a valorar "de maneira equilibrada e obxectiva" o proxecto de Altri e a traballar na viabilidade dunha industria "necesaria, pero non a calquera prezo".

Tras reunirse con representantes da multinacional, a Dirección de CCOO continuará a manter contactos con todos os axentes xa que "nestes momentos non existe a suficiente información para un apoio á planta que garanta o equilibrio necesario". "É a Xunta, desde a transparencia e o bo goberno, quen ten a obriga de buscar os consensos necesarios para que a industria que se pretende implantar en Palas de Rei [...] sexa socialmente aceptada e ambientalmente sostíbel".