É o caucho reciclado perigoso para a saúde?

Caucho dun pneumático sendo triturado (Foto: Nós Diario).
Daniel Armada Álvarez estudou na súa tese de doutoramento desenvolta na USC como o posíbel risco do contido químico dos pneumáticos triturados e reutilizados.

Representan as superficies de caucho reciclado unha fonte de contaminación ambiental? Esta é a pregunta que tentou responder o químico Daniel Armada Álvarez ante a proliferación do uso de pneumáticos triturados que pasan a reutilizarse, en forma de granulado de caucho, para construír diferentes tipos de superficies como poden ser os campos de fútbol artificiais ou os parques infantís, entre outras.

Armada Álvarez enfocou a súa tese de doutoramento, desenvolta na Universidade de Santiago de Compostela (USC), na caracterización de parte do contido químico do caucho reciclado de pneumáticos, na difusión de parte destes compostos cara ao ar e auga, así como as implicacións toxicolóxicas pola inxestión oral deste material.

O investigador detectou que algunhas das mostras de caucho reciclado analizadas excedían os límites legais marcados pola Unión Europea (UE). En concreto, para o granulado de caucho empregado en campos de fútbol de céspede artificial e en lousetas de parques, existe un límite legal no cal se restrinxe a concentración de oito hidrocarburos policíclicos aromáticos (PAHs), e outro límite para materiais plastificados, entre os que se inclúe o caucho, nos cales se acouta a concentración de catro plastificantes (ftalatos) que poden ocasionar riscos para a saúde e o medio ambiente.

Dúas superficies do total das 58 analizadas da Unión Europea superaron os límites legais estabelecidos, unha no relativo aos PAHs en Suecia e outra que superou o límite para plastificantes en Italia. O resto de irregularidades detectadas situábanse fóra da UE e, polo tanto, non están suxeitas á súa lexislación.

Do total de mostras analizadas, 4% superou o límite para PAHs e outro 4% excedeu o límite para plastificantes. En total estudáronse 78 mostras de granulado de caucho recollido en 17 países.

O estudo tamén abordou a posíbel contaminación das augas e ar lindeiro con estes materiais. “Obsérvase unha transferencia continuada cara a auga. Tanto as mostras simuladas en laboratorio como as recollidas en campos de fútbol teñen concentracións baixas e non superaron os niveis legais para os compostos estudados en augas”, apunta Armada.

No caso do ar acontece algo similar, “detéctanse unha serie de compostos que en ningún caso superaron os límites legais estabelecidos”, apunta. A relación demostrouse comparando os perfiles de concentración dos compostos detectados no ar e na auga cos detectados nas mostras de caucho reciclado. A maiores analizáronse lugares próximos para comprobar se o perfil de concentracións variaba ou era o mesmo que no ar encima do caucho reciclado, demostrándose que a contaminación proviña destes materiais.

Bioaccesibilidade

Finalmente, o estudo de bioaccesibilidade revelou a presenza de varios PAHs en fluídos gastrointestinais humanos sintetizados no laboratorio, ademais de compostos químicos que se relacionan coa morte prematura de diferentes especies acuáticas. “Os niveis non supoñen un risco elevado para a saúde, pero non implica que non exista risco”, matiza o investigador en relación coa detección de compostos considerados canceríxenos por Axencia Europea de Substancias e Mesturas Químicas (ECHA).

“A maiores, nas mesmas mostras de fluídos determináronse unha serie de contaminantes emerxentes, onde hai que destacar a presenza da 6PPDquinona en todos os fluídos estudados. Este composto relacionouse recentemente coa morte dunha especie de salmón en Norteamérica e de máis especies acuáticas”, engade Daniel Armada.

“A importancia de detectalos é que son bioaccesíbeis nos fluídos dixestivos a pesar de que os seus efectos nos seres humanos aínda son descoñecidos”, explica. Na tese fíxose un estudo de risco no que se constatou que non se supera o límite de referencia de inxesta oral diaria.

Publicación

Os resultados desta tese, dirixida polas profesoras María Llompart Vizoso e María Celeiro Montero, deron lugar a seis publicacións en diferentes revistas de alto impacto de química analítica e medio ambiente como por exemplo Chemosphere, Journal of Chromatography A, Journal of Separation Science e Science of the Total Environment. Os resultados alcanzados durante a tese foron presentados e divulgados en diferentes congresos científicos estatais e internacionais, nun dos cales, foi premiado como a contribución en formato póster da aplicación de análise ambiental máis innovadora. O tribunal da tese de doutoramento acordou por unanimidade concederlle a cualificación de sobresaliente cum laude.

A tese desenvolveuse no Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (Cretus), dentro do Grupo Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía.