PRENDEN NO PORRIñO ESTA QUINTA FEIRA UN HOME QUE TENTOU MATAR A SúA EX COMPAñEIRA

Catro mulleres asasinadas no Estado español pola violencia machista en cinco días

No Porriño axentes da Garda Civil prenderon esta quinta feira un home que tentou asasinar a súa ex-compañeira. 

 

Co asasinato en Biskaia de Mari Luz Alejo e Amelia Rodríguez suman catro as mulleres asasinadas no Estado español pola violencia machista en cinco días. No que vai de ano a cifra ascende a máis de medio cento a nivel estatal. 

En Galiza o número de vítimas mortais sitúase en sete a piques de rematar o ano. Esta quinta feira no Porriño axentes da Garda Civil prenderon un home acusado de homicidio en grao de tentativa e tenza ilícita de armas. O detido advertiu a súa nai através dunha carta da súa intención de asasinar a quen fora a súa compañeira. Após alertar a muller e a Garda Civil, o home foi arrestado. No seu poder portaba unha escopeta. 

O Bloque exixe que a violencia contra as mulleres sexa tratado como un "asunto político prioritario e urxente"

Perante estes acontecementos o Bloque Nacionalista Galego emitiu un comunicado público no que denuncia os feminicidios e exixe unha maior "implicación" política, institucional, social e tamén dos medios de comunicación para combater a violencia contra as mulleres. 

Através de Goretti Sanmartín, integrante da Executiva nacional da organización frontista, desde o BNG demandou que a violencia machista pase a ser considerada como un "asunto político prioritario e urxente" mais tamén que sexa tratado "de maneira estrutural". 

"Esiximos vontade política a prol da igualdade. Queremos que se invistan recursos en coeducación. O PP ten nas súas mans unha táboa de medidas contra a violencia de xénero, rexistrada no Parlamento de Galiza ante a alarma de asasinadas no noso país durante o verán e estamos a agardar pola súa resposta. Querémola antes das próximas vacacións, porque sabemos que son períodos especialmente duros para as mulleres", exixen desde a fronte nacionalista.