Catro horas nun tribunal de excepción para 12 independentistas galegos

Imaxe da vista na Audiencia Nacional

As 12 persoas encausadas na ‘Operación Jaro’ negaron as acusacións da Fiscalía na primeira xornada de xuízo na Audiencia Nacional, que decorreu esta segunda feira.

Hai organizacións que se dedican a enaltecer o terrorismo na Galiza? Hai terrorismo na Galiza? Esta segunda feira sentaron no banco dos acusados os 12 independentistas galegos para os que a Fiscalía pide 102 anos de prisión por considerar que son responsábeis dun ‘entramado’ criminal para  enaltecer o terrorismo. Unha Fiscalía que tamén demanda a ilegalización de Causa Galiza e Ceivar, organizacións das que fan parte os acusados, detidos nas operacións Jaro I e II.

O xuízo principiou esta segunda feira pouco despois das dez da mañá e continuará mañá. Unha hora antes, unha concentración ás portas da Audiencia Nacional mostraba o apoio aos 12 encausados e pedía a súa absolución. Entre os asistentes, o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, e a senadora da esquerda abertzale Idurre Bideguren.

Os avogados das acusadas expuxeron argumentos para solicitar o ‘carpetazo’ á vista na Audiencia Nacional. Pediuse a nulidade do proceso por considerar que no mesmo houbera vulneracións de dereitos fundamentais, incidiuse en que a Audiencia Nacional non era o órgano competente para xulgar estas persoas e que debía de inhibirse a favor do xuíz natural, e apuntouse á situación de emerxencia sanitaria pola Covid que se vivía en Madrid.

Porén, a vista continuou adiante e nesta xornada declararon 11 das 13 persoas acusadas. Dez delas acolléronse ao seu dereito a non responder as preguntas da Fiscalía. Só unha, Ugio Caamanho, de Ceivar contestou ás cuestións formuladas pola acusación.

 

As acusadas defenderon a preguntas da defensa que as súas actividades e militancia eran públicas e realizábanse dentro da legalidade. Que actos como o Día da Galiza Combatente (situados pola Fiscalía no albo por entender que constitúen enaltecemento) eran xornadas para lembrar “feitos da nosa historia na que se reivindicaron os dereitos do pobo galego” (Joam Peres), ou un “día de memoria histórica que lembra colectivos ou persoas que loitaron polos dereitos políticos da Galiza” (Xoán Antón Fernández ‘Cake’).

Na legalidade

Varios acusados coincidiron en lembrar que os diferentes actos estaban comunicados perante delegación ou subdelegación do Goberno e que en ningún momento se lles apercibiu de que estaban cometendo ilegalidades ou se procedeu a disolver ou prohibir os mesmos.

Outro dos encausados, Jose Antom Muros, negou que desde Causa Galiza se realizasen chamamentos a actos violentos e engadiu que a organizción independentista nunca fora sancionada ou apercibida por organizar actos como os da Galiza Combatente.

Antom Arias Curto, de por parte, manifestou que xa en outubro de 2015, ao declarar ante o xuíz após ser detido na ‘Operación Jaro I’,  indicara que el non pertencía a Causa Galiza. Recoñeceu que tomou parte en palestras e actos co gallo da Galiza Combatente: “vou onde me chaman organizacións que defendan os intereses do noso pobo”.

As intervencións das procesadas coincidían en sinalar que nos feitos dos que se lles acusaba non houbera violencia nin incitación á mesma.

Esta terza feira , ás dez da mañá, reanudarase a sesión.

Ideas

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou a existencia de "operacións políticas" para "criminalizar ideas" e rexeitou o uso da xustiza en contra dos "debates de ideas". Así se pronunciou hoxe ao ser preguntada pola posición do BNG en relación ao xuízo na Audiencia Nacional.

“Defendemos única e exclusivamente as vías democráticas e rexeitamos calquera tipo de uso da violencia pero tamén é certo que estamos a ver como hai operacións políticas que queren criminalizar ideoloxías", sostivo Pontón.

Nestes meses un amplo abando de organziacións políticas, sindicais, sociais ou xuvenís mostraron o seu rexeitamento ao proceso contra os 12 independentistas: BNG, Anova, Esquerda Unida, Anticapitalistas, CIG, CUT, CNT ou Fruga e SLG son alggunhas delas.