“O alargamento da noción de terrorismo para a actividade política de cidadáns galegos cobrou unha notábel relevancia”

Imaxe de arquivo dunha comparecencia de Causa Galiza.

Esculca elabora un relatorio sobre a causa aberta contra 12 independentistas galegos de Causa Galiza e Ceivar, cuxo xuízo principiará o 19 deste mes na Audiencia Nacional.

‘Relatorio sobre a vulneración de dereitos e liberdades. Enaltecemento do terrorismo e disolución de Causa Galiza e Ceivar. Procedemento Abreviado 120/2015. Xulgado de Instrución n06 de Madrid”. O Observatorio para a defensa de dereitos e liberdades Esculca debulla e analiza a causa aberta contra 12 independentistas galegos que a partir deste 19 de outubro serán xulgados na Audiencia Nacional española a raíz das ‘Operación Jaro’.

Un traballo, o de Esculca, que ten como obxecto, advirten desde o Observatorio, non tanto “analisar pormenorizadamente da perspectiva xuridicopenal os delitos imputados” mais asinalar “os riscos da “vis expansiva dos delitos de terrorismo como mecanismo punitivo de actividades políticas de carácter crítico non violento”.

En consecuencia, indican, “aquilo que procuramos é asinalar a tensión que entre os delitos de terrorismo imputados e os dereitos fundamentais, como a liberdade de expresión, de manifestación, de asociación, de reunión ou mesmo de participación e pluralismo político, puidese existir, advertindo a improcedencia da restrición dos mesmos no cadro dun Estado verdadeiramente democrático”.

"Asistimos a unha progresiva expansión da noción de terrorismo alargando este concepto para condutas até o momento consideradas expresións dos dereitos e liberdades fundamentais”

Ao longo de 12 páxinas, Esculca debulla o que considera un “exemplo de xestión punitiva da actividade política independentista por parte do Estado español”. Analiza as imputacións contra estes 12 independentistas  (pertenza a organización criminal, enaltecemento do terrorismo…) á luz das “actividades delituosas” que se presentan como acusacións contra eles.

Para o Observatorio, este proceso implica una “quebra da liberdade de expresión, do dereito de asociación e de participación política” das persoas e organizacións acusadas.

Así, incide en que nos últimos tempos asistimos “a unha progresiva expansión da noción de terrorismo alargando este concepto para condutas até o momento consideradas expresións dos dereitos e liberdades fundamentais”.

“Actividades clásicas do confronto público e da disidencia política, tales como as mobilizacións e as manifestacións populares, os actos de propaganda política, etc., son cualificados, seguindo esta tese, como actividades de natureza terrorista mesmo sendo elas públicas, pacíficas e ao abrigo da legalidade vixente”, conclúe Esculca, que testemuña “unha extensión da ilicitude en condutas non propiamente delituosas, o que supón unha vulneración dos principios de legalidade e proporcionalidade”.