Seis detid@s en Compostela nunha operación policial a raíz do conflito do cerco

Un mínimo de 6 persoas foron detidas esta segunda feira pola policía española na capital galega. A operación continúa aberta. A policía enmarca os arrestos nun operativo polos incidentes da protesta do sector do cerco en Compostela o pasado 11 de marzo.

 

Un mínimo de seis persoas foron detidas esta segunda feira en Compostela. A operación policial desenvolveuse en distintos puntos da capital de Galiza, nomeadamente en pisos de estudantes, e seguía aberta a última hora da tarde, polo que non se descartan novos arrestos.

Nun principio apuntouse a detencións relacionadas cos protestos estudiantís do 20F. Fontes policiais, porén, enmarcaron os arrestos nos incidentes tras a manife do cerco do 11 de marzo

Nun primeiro momento apuntouse a que estas detencións poderían estar relacionadas coa folga estudantil convocada en Galiza polas organizacións nacionalistas o pasado 20 de febreiro. O feito de que @s arrestad@s fosen na súa maioría estudantes e que hai uns días tamén estudantes en Vigo recibiron citacións xudiciais vencelladas á folga estudantil, levaba a apuntar nesa vía.

Mais fontes policiais citadas por axencias e prensa española enmarcan a operación desenvolvida na capital de Galiza nos incidentes acontecidos o pasado 11 de marzo nunha mobilización do sector do cerco ás portas do Parlamento que acabou con fortes enfrontamentos no Ensanche. 

Segundo puido saber este medio, as persoas detidas estarían relacionados coas organizacións estudantís e xuvenís Agir, Xeira e Colectivo Estudiantil Libertario (CEL). 

Atención médica

Un dos detidos foi trasladado, custodiado por policías, ao Punto de Atención Continuada (PAC), ubicado no Hospital Clínico para ser atendido por unha forzadura na man após ser detido, segundo confirmou persoal sanitario.

Perante a actuación policial convocouse en réxime de auto-convocatoria unha concentración solidaria para con e coas detidas, esta segunda feira ás 20.30 horas na Praza do Toural.