Castrelo de Miño comeza a mobilizarse contra a central hidráulica de Cuerva

Conxunto de petróglifos na área onde está prevista a central de bombeo. (Foto: Concello de Castrelo de Miño)

A historia de Castrelo de Miño está marcada por un encoro de 135 megawatts que despoxou a veciñanza das mellores terras de cultivo a finais dos anos 60 e que rematou por expulsar á emigración centos de familias. Porén, o encoro de Castrelo de Miño significa o comezo da loita contra os proxectos hidroeléctricos destinados a espoliar o país e o inicio da loita ecoloxista na Galiza.

San Isidro Solar 3, unha sociedade con sede fiscal en Granada e ligada a Navitas Energía, tramita diante do Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco) a autorización para unha central hidráulica de bombeo nas proximidades do encoro de Narturgy en Castrelo de Miño (O Ribeiro). Navitas Energía é propiedade do grupo Cuerva, un conglomerado empresarial andaluz, que ten como conselleiro delegado Gerardo Cuerva, importante dirixente da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) e presidente da Confederación Española da Pequena e da Mediana Empresa (Cepyme).

As centrais hidráulicas de bombeo, ou reversíbeis, son un tipo de instalación para a xeración eléctrica que conta con dous encoros a distinta altura que permiten almacenar a auga nos momentos de menor demanda e aproveitala para producir enerxía nas horas de maior consumo co obxectivo de satisfacer toda a demanda eléctrica. Así, nas horas val úsase a enerxía sobrante para elevar a contida no encoro situado a maior altura e nas horas pico funciona como unha planta hidroeléctrica convencional, enviando auga do encoro superior ao inferior.

A instalación hidráulica promovida por San Isidro Solar 3 prevé unha potencia de 260 MW, está proxectada nos concellos de Arnoia, Cartelle e Castrelo de Miño, na comarca do Ribeiro, e anegará 23 hectáreas de terreo, particularmente monte veciñal pertencente ás parroquias de Castrelo e de Sande.

Precisamente, para favorecer os intereses das eléctricas no proceso expropiatorio en setembro do ano pasado, o Parlamento da Galiza, cos votos do PP e do PSdeG, aprobou  “declarar de interese público superior as centrais hidroeléctricas reversíbeis, como activos de almacenamento enerxético necesarios”.

Os petróglifos de Reigoso

O emprazamento escollido para a central, así como as obras previstas para póla en funcionamento, destacan polo seu impacto. O lugar elixido para construír a nova balsa de 23 hectáreas é o Coto de Novelle, un espazo de gran valor paisaxístico, ambiental e patrimonial, que conta na súa área con diversos petróglifos e mámoas. Entre os primeiros, destaca o conxunto de petróglifos de Reigoso, cuxa orixe data da Idade do Bronce e onde se observan representacións de coviñas de distintas formas, gravuras cuadrangulares e un ábaco rupestre. Este conxunto atópase protexido pola lexislación de patrimonio e polo PXOM de Castrelo de Miño.

A veciñanza dos municipios afectados polo proxecto xa comezou a mobilizarse. Onte mesmo, o Bloque Nacionalista Galego rexistrou unha moción no Concello de Castrelo de Miño onde demanda do Goberno do Estado que rexeite "a elaboración do documento de determinación do alcance do estudo de impacto ambiental da central hidroeléctrica” e reclama do Executivo local “desenvolver cantas actuacións sexan precisas para a paralización deste proxecto”. Asemade, avanzan a presentación desta iniciativa noutros concellos afectados, así como nas diversas institucións onde están presentes.

Desvantaxes económicas

Os nacionalistas cuestionan as supostas vantaxes económicas do proxecto. Neste sentido, lembran que o encoro de Naturgy só deixa en impostos ao municipio ao redor de 50.000 euros, malia tratarse dunha obra amortizada. Neste sentido, apuntan que “as comarcas de Ourense teñen 50% da grande hidráulica de Galiza no seu territorio e, porén, somos o territorio máis empobrecido do país, coa maior perda de poboación activa e de mocidade, cunha crise demográfica de grande intensidade e cun grande abandono do sector primario”. Denuncian que San Isidro Solar 3 só destina 500.000 euros para expropiacións, unha contía “ridícula” atendendo á dimensión da central.