Os casos activos por Covid-19 na Galiza baixan de 4.000 por primeira vez desde setembro

Sala habilitada para os cribados da Covid-19 entre a veciñanza de Culleredo. (Foto: Nós Diario)

Segundo os datos facilitados polo Sergas, Galiza reduce os ingresados con Covid-19 a 392 e os contaxios detectados rompen a suba dos últimos días ao descender até 184, mentres a positividade repunta lixeiramente até 2,4%.

A presión hospitalaria continúa á baixa, aínda que lixeiramente, e sitúase nas 392 persoas ingresadas por coronavirus, oito menos que a xornada anterior. Destas, 82 están en unidades de coidados intensivos, unha redución de sete.

Os datos facilitados este sábado polo Sergas indican que os novos contaxios detectados nun día a través de todo tipo de probas volveron a descender, até os 184, despois de toda a semana con pequenos repuntes.

Ademais, os casos activos da enfermidade diminuíron en 216, a 3.952 en total, o que supón pasar a barreira dos 4.000. Non se notificaba unha cifra tan baixa desde o 1 de setembro.

Alén diso, a presión hospitalaria, en todas as áreas sanitarias descende. Tan só Vigo rompe lixeiramente esta tendencia, xa que aínda que as hospitalizacións baixaron en seis, até as 63, os pacientes críticos subiron até 14. A de maior presión segue sendo A Coruña-Cee, con 133 ingresados poa Covid-19 -nove menos-, dos que 29 -dous menos- están na UCI.

En Santiago-Barbanza, os datos reflicten que son 62 as persoas contaxiadas que requiren hospitalización (-1), ao baixar até 13 (-1) os críticos.

Tamén descenden os ingresos en Ferrol, até 40 (-1), dos que seis (sen variacións) están en coidados intensivos; en Pontevedra-O Salnés, até 35 (-3), dos que 13 (-1) están críticos; en Lugo-A Mariña-Monforte, a 30 hospitalizados (-3), dez deles en UCI (-3); e en Ourense-Verín-O Barco, cun total de 26 ingresados (-2) e só dous en coidados intensivos (-1).

Desde o inicio da pandemia as persoas infectadas na pandemia de coronavirus na Galiza foron en total 113.496. Delas, 27.203 corresponden á área da Coruña; 21.343 á de Vigo; 18.066 á de Santiago; 14.628 á de Ourense; 12.462 á de Pontevedra; 11.767 á de Lugo; e 8.027 á de Ferrol.

Realizáronse un total de 1.700.113 probas PCR

Galiza levou a cabo até o momento 1.700.113 probas PCR, segundo os últimos datos actualizados pola Consellaría de Sanidade. Na últimas 24 horas realizáronse 6.926 probass, case 1.200 menos que a xornada inmediatamente anterior.

En relación á porcentaxe de infeccións por test PCR realizados, ascendeu lixeiramente a un 2,4% tras situarse nun 1,7% nos datos do venres. Así, mantense por baixo de 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa como máximo para dar por controlada a pandemia.

Todas as áreas sanitarias atópanse por baixo deste limiar: Ourense (4,7%), Santiago (4%), Ferrol (3,6%), A Coruña (2,5%), Pontevedra (1,5%), Vigo (1,2%) e Lugo (0,9%).