O caso de violencia machista contra Luciano Méndez seguirá o seu curso polo penal

A presunta agredida polo profesor da USC que defendeu ‘La Manada’ non quixo denunciar mais a Fiscalía actuará de oficio.

O caso de violencia machista contra o profesor da USC Luciano Méndez seguirá o seu curso pola vía penal após na vista celebrada esta cuarta feira a muller presuntamente agredida non quixese denunciar. A vítima solicitou o arquivo da causa e rexeitou medidas cautelares segundo informan fontes xudiciais. Porén, a Fiscalía acúsao dun delito de maltrato de obra no ámbito de violencia de xénero do 152 do Código Penal. Baséase nas declaracións dos garda civís que se personaron no domicilio de Teo ao seren advertidos de que se estaba a cometer unha agresión.

 

En xuño do ano pasado Méndez xa foi detido por delitos de lesións e atentado á autoridade após agredir dous axentes da Policía Nacional nun altercado en relación co vehículo do profesor da Universidade de Compostela coñecido por unha serie de vídeos colgados en redes sociais nos que apoiaba 'La Manada' e criticaba a vítima


No seu día, a USC abriu un expediente informativo a Luciano Méndez, quen, pola súa banda, reafirmouse nas súas declaracións de apoio a 'La Manada' en vídeos en redes sociais. O expediente informativo aberto pola USC foi remitido a Fiscalía para que investigase se das súas declaracións poden derivarse actuacións penais. Non se lle impuxo ao docente ningunha sanción, xa que as consideracións foron feitas nun marco privado.


Luciano Méndez tamén foi obxectivo das críticas e denuncias do estudantado despois dos seus comentarios machistas sobre o escote dunha alumna. Varias concentracións pediron que non seguise a dar aulas na universidade