Case un terzo da poboación galega cre que os coidados paliativos son pouco ou nada accesíbeis
Case un terzo da poboación galega, o 30%, considera que os coidados paliativos son pouco ou nada accesíbeis, segundo apuntou un estudo realizado pola iniciativa 'Para ti, paliativos', un movemento apoiado por máis de 50 entidades do ámbito sociosanitario.
Segundo trasladou a organización nunha nota de prensa, o Estudo sobre o Coñecemento e a Percepción dos Coidados Paliativos en España 2024, elaborado pola plataforma en colaboración co Instituto IO-Sonda, destaca a necesidade de "aumentar o investimento nestes servizos", unha demanda compartida polo 71% das enquisadas.
De seguido fica a necesidade de ampliación do acceso a profesionais especializadas, cun 63%, e o reforzo do apoio a pacientes e familiares, cun 61%, como piares fundamentais para garantir un "acompañamento digno e de calidade ao final da vida".
Nesta liña, o estudo realizouse sobre unha mostra de 2.022 persoas de 18 a 65 anos de idade, pertencentes ao panel de Sondea (IO Investigación), en función das cotas de sexo, grupo de idade e comunidades. Desta forma, tanto a mostra total (10.000 persoas) como a mostra final de enquisadas (2.022 persoas) son representativas da sociedade, destacan.
Sensibilizar
'Para Ti, Paliativos' lembrou que co seu labor "busca sensibilizar á sociedade sobre a importancia dunha atención paliativa integral, accesíbel e respectuosa para todas as persoas". A súa misión, apoiada por máis de 30 entidades, é "asegurar que todas as persoas reciban o apoio necesario en momentos de incerteza, ofrecendo un enfoque paliativo que dea prioridade ao benestar e á calidade de vida".
