Galiza carece de unidades específicas de coidados paliativos para crianzas
O Goberno vasco vén de anunciar importantes mudanzas no tratamento de coidados paliativos en pediatría (CPP) após o caso do pediatra que atendeu en Bilbo unha menor terminal fóra do horario laboral e que segundo a plataforma ‘Faltan Botatzen Dugu’ recibiu unha advertencia da Consellaría por iso. Osakidetza –o servizo sanitario público de Euskadi– di agora que mellorará o protocolo de coidados paliativos a menores para que estes reciban atención sanitaria durante as 24 horas do día, os 365 días do ano. Un servizo que na Galiza non existe, mais si noutros puntos do Estado.
A día de hoxe en ningún hospital ou área sanitaria galega existen unidades específicas de coidados paliativos pediátricos. Estes coidados, sinala o Sergas a Nós Diario, están garantidos a través dos servizos de referencia hospitalarios dos distintos procesos asistenciais. "Os pacientes paliativos pediátricos están atendidos, ben a través dos servizos de oncoloxía pediátrica ou polos servizos de pediatría". O Informe de Avaliación dos Coidados Paliativos Pediátricos no Sistema Nacional de Saúde, elaborado polo Ministerio de Sanidade en 2022, afirma que nos equipos interdisciplinares de coidados paliativos que hai na Galiza ningún dos profesionais "traballa a xornada completa" neles, senón que compatibiliza con esta con outras obrigas e tarefas. O estudo, que analiza a situación dos CPP en todas as comunidades, apunta a que Galiza dispón de dous equipos de coidados paliativos pediátricos, nos hospitais universitarios da Coruña e de Vigo, e que prestan atención en consulta externa, hospital, Urxencias ou a domicilio. Ningún centro hospitalario na Galiza ten unidades propias de coidados paliativos pediátricos. Hainas nos mencionados hospitais, mais partilladas con outros servizos, recolle o informe de avaliación.
O servizo telefónico dispoñíbel as 24 horas do día os 365 días do ano para estes pacientes e as súas familias tampouco está dispoñíbel en toda a Galiza. Só o hai na Coruña e Vigo, "para pacientes complexos e na fase final da súa vida", sostén o Ministerio. Aliás, as actividades de formación continuada específica sobre atención paliativa pediátrica hainas en "formación básica" e "formación intermedia", mais non en "formación avanzada".
Na Galiza hai ao redor de 426.000 persoas menores de idade. As defuncións de menores por enfermidades susceptíbeis de CPP foron 47 no último ano con datos, 2020. Entre 2011 e ese exercicio, un total de 609. O número de falecementos infantís en período posneonatal —entre 28 días e 1 ano— nese período foi de 116. De menos de 28 días perderon a vida nese período un total de 282 neonatos.
Desde a plataforma SOS Sanidade Pública, consultada por este diario sobre a situación da CPP, apuntaron esta cuarta feira nun encontro coa prensa que a inexistencia de unidades específicas "demostra a falta de vontade da Xunta da Galiza nestes anos" de cara a esta realidade, en palabras de Manuel Martín, médico de Atención Primaria e portavoz do colectivo. "A poboación infantil é claramente discriminada nas políticas sanitarias deste Goberno", apuntou, engadindo que "só hai que ver a situación da Pediatría en xeral", con falta "de medios e de profesionais".
Aumento "grave" das listas de espera
Martín fixo estas declaracións na rolda de prensa na que esta cuarta SOS Sanidade Pública convocou mobilizacións nas diferentes comarcas galegas para o vindeiro 12 de xuño co fin de denunciar a situación das listas de espera."O que está a pasar é inaceptábel", manifestou Martín, que lembrou que as listas de agarda "son un risco de saúde" para as persoas que agardan mentres o Goberno galego, dixo, "fai delas un instrumento para derivar pacientes á privada".
Desde SOS Sanidade advertiron de que desde o ano anterior á pandemia da Covid, o 2019, até agora houbo un aumento "grave" das listas de agarda de cirurxía: 28% máis. E no que se refire a persoas que levan máis de un ano en espera por unha intervención cirúrxica, o incremento a respecto de 2019 foi de 83%; case o dobre. A media de espera en días é agora de 76, cando en 2019 era de 56.
A mesma tendencia, explicou Martín, produciuse nas listas de agarda para unha consulta co especialista. Aumentaron en 15% dese 2009 —25% no caso de quen teñen que esperar máis de un ano—. E as listas para as probas diagnósticas son hoxe 18% máis numerosas que en 2019. O colectivo de persoas que ten que agardar máis de 12 meses para facer ese tipo de probas aumentou desde o ano anterior á Covid en 93%.
Para SOS Sanidade Pública, os datos que se coñecen das listas de agarda 'estruturais', "son xa de por si preocupantes", mais a estas, explicaron, hailles que engadir as 'non estruturais' ou "escuras", cuxos datos non son públicos e nas que figuran, por exemplo, os doentes que se negan a ser derivados á privada. Martín considera que esas listas de espera equivalerían, afirmou, a 30% das estruturais.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, afirmou na xornada de esta cuarta que entende "o malestar" e "as reivindicacións" polas listas de agarda, mais defendeu que "en comparación con outras comunidades autónomas a Galiza presenta bos indicadores".
As altas listas de agarda chegarán a Bruxelas
A plataforma SOS Sanidade Pública tamén anunciou esta cuarta que vai levar até Bruxelas a situación das listas de agarda na Galiza. Xosé María Dios afirmou que mantiveron conversas con algúns eurodeputados e ven "factíbel" levar até a capital da UE estas denuncias. "Hai que dar a coñecer a nivel europeo o que está a suceder na Galiza", dixo, e sinalou que así buscan tamén que se pronuncien sobre as listas de agarda os diferentes órganos representativos a nivel de Unión Europea.
Pola súa parte, Manuel Martín cifrou nun total de 203 días a espera media que ten que facer unha persoa desde que en Atención Primaria lle detectan unha enfermidade da que se ten que operar até que finalmente q interveñen cirurxicamente.

