Case a metade das mulleres asasinadas no Estado español denunciaran

No que vai de ano oficialmente rexistráronse 25 asasinatos. Delas, 11 presentaran denuncia e 5 contaban con supostas medidas de protección en vigor, de acordo cos dados do Ministerio de Sanidade español. 


Alexandra Rodica Surca (Zaragoza), Karla Belén Pérez Morales (residente en Oviedo, asasinada en Melilla) e Carmen García (Málaga) son os nomes das tres últimas mulleres asasinadas no Estado español pola violencia machista. Tres novos casos en apenas 72 horas. 

Alexandra Rodica foi apuñada no propio punto de encontro onde tiña que acudir para dar cumprimento ao réxime de visitas aprobado xudicialmente

Alexandra Rodica e Karla Belén Pérez denunciaran os seus agresores por malostratos e contaban con ordes de afastamento. Porén, nada impediu que fosen asasinadas aproveitando, en ambos os dous casos, as crianzas. No caso de Alexandra Rodica foi apuñada no propio punto de encontro onde tiña que acudir para dar cumprimento ao réxime de visitas aprobado xudicialmente e diante do menor. O agresor mesmo denunciou perante o Xulgado da Muller o incumprimento das visitas para se asegurar que ela estivese alí aquel día no que as FSE coidan un "homicidio premeditado". 

Non era a primeira vez. Alexandra Rodica estivo nun centro de acollemento da Casa da Muller de Zaragoza após denunciar ter sido agredida, un acoso polo que el foi absolto. Aliás, foi condenado en xaneiro deste mesmo ano por violar a orde de afastamento, segundo fontes consultadas por El Periódico de Aragón. 

Incumprimento orde de afastamento

Karla Belén Pérez foi asasinada en Melilla embora residir en Oviedo. Acudiu a esta localidade para achegar a crianza á familia paterna. O home, de nacionalidade marroquí fora condenado a pasada semana por lesións e ameazas, contaba cunha orde de afastamento e decretárase a súa expulsión e prohibición de entrada no Estado español por un período de 5 anos. Aínda así, viaxou a Melilla e afogouna nunha praia como el mesmo relatou á Garda Civil. O instituto armado atribuíu a viaxe do agresor á "permeabilidade lóxica" da fronteira para a poboación moradora das localidades limítrofes, segundo as declaracións publicadas por La Nueva España. Fica orfa unha crianza de apenas meses. 

O asasino de Alexandra  foi condenado en xaneiro deste mesmo ano por violar a orde de afastamento. O de Belén tiña, aliás, prohibición expresa de entrada no territorio español por 5 anos

Alexandra Rodica e Karla Belén non foron as únicas mulleres asasinadas no Estado español no que vai de ano que denunciaron situacións de violencia machista. De acordo cos dados publicados polo Ministerio de Sanidade das 24 mulleres asasinadas --non foi recollido até o momento o asasinato de Carmen García en Málaga-- en 11 casos había denuncia previa. De entre eles, 8 solicitaran medidas de protección e só unha persoa renunciara a elas. Cesaran xa en 4 casos e outras 5 mantiñan en vigor algunha suposta medida de protección. 

Isto é, practicamente a metade das mulleres asasinadas denunciaran os seus agresores. Desde o Observatorio de Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial aseguran que "se todos os casos [de crimes machistas] constitúen un fallo do sistema máis o son aqueles nos que a vítima deu o paso heroico de denunciar e confiar nas institucións", apunta a súa presidenta Ángeles Carmona en declaracións recollidas pola axencia de noticias Europa Press

Falta de recursos, formación e transversalidade

Para a institución xudicial son "diversos factores e circunstancias acontecidas" que se produciron para non terse evitado os asasinatos de mulleres que denunciaran, entre eles, algúns que teñen a ver co propio "íter procesal" como "o excesivo prazo de sinalamento dos xuízos, a reanudación da convivencia entre o agresor e a denunciante, o acollemento ao dereito a non declarar, a falta de coordenación entre diferentes corpos de seguridade, a dilación na entrada de partes de lesións no xulgado, a pouca utilización dos dispositivos de seguimento das ordes de protección ou a falta de valoración eficaz do risco da vítima". 

Desde o CXPX aseguran que existe "dilación na entrada de partes de lesións no xulgado, pouca utilización dos dispositivos de seguimento das ordes de protección e falta de valoración eficaz do risco da vítima"

Nunha conversa publicada por Sermos Galiza en xaneiro de 2016 con Alejandro Gómez, integrante do Sindicato Unificado de Policía (SUP) e especialista en violencia machista o axente sinalaba a falta de formación e de medios para garantir a protección das mulleres en situación de violencia. "A ratio de policías por muller é de 1/60 cando a normativa fixa 1/10", afirmaba. 

Aliás, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza (COPG) e asociacións de axuda a mulleres vítimas de malostratos criticaban a falta de coordenación e de transvesalidade nas axudas a mulleres en situación de violencia machista como trazo fundamental daquelas que deciden denunciar

Na Galiza, a irmá de Ana Gómez, asasinada en febreiro de 2016, asegurou nunha comparecencia pública a pasada semana que a muller acudira até en tres ocasións a distintas instancias da administración para pedir axuda. Segundo Martina Gómez a resposta que tería recibido sería ir abandonando aos poucos o domicilio familiar e, o día en que foi asasinada, pedirlle o divorcio ao que fora o seu compañeiro. No seu caso foi asasinada cun tiro nas costas en presenza de dous dos seus fillos.