En 2015 presentáronse 14 denuncias diarias por violencia machista

[Imaxe GzContrainfo]

En total na Galiza rexistráronse 5210, unha máis que no 2014.

Esta sexta feira (11 de marzo) o Observatorio de Violencia de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial fixo públicas as estatísticas sobre violencia machista. 

Neste senso, na Galiza presentáronse 5.210 denuncias, unha máis que o ano anterior. Isto supón un promedio de 14 denuncias diarias, aproximadamente, unha cada dúas horas e 5011 mulleres en situación de violencia machista recoñecida xudicialmente.

A taxa oficial de mulleres en situación de violencia machista por cada 10 mil sitúase no 36%

É dicir, a taxa de violencia machista no noso país sitúase en 36 mulleres por cada 10 mil, a máis baixa do conxunto do Estado español, segundo os dados do Consello Xeral do Poder Xudicial que, no entanto, só contempla como violencia de xénero aquela que se produce no marco das relacións afecto-sexuais (parella e/ou ex-parella). 

Das denuncias presentadas 2654 foron sobreseídas, a maior parte (2457) de maneira provisoria por non resultar xustificada a perpetración do delito, e 668 con sentencia das que 493 resultaron condenatorias. 

Aumentan as ordes de protección solicitadas 

Neste período de 2015, foron incoadas 1.564 ordes de protección, a maior parte (84%) a instancias das propias mulleres. No 2014 esta cifra era o 18% menor xa que foran solicitadas 1.327. Delas o pasado ano, concedéronse 930 e denegáronse 625, mentres que 10 foron inadmitidas. 

Así mesmo, adoptáronse 2.662 medidas xudiciais de protección, 2.263 penais e 399 civís; a maior parte de maneira combinada con ordes de protección. 

En 2015 foron asasinadas na Galiza, segundo as cifras oficiais, 8 mullures: 

08/05/2015. Isabel Fuentes (Ourense) 
03/07/2015. Beatriz Rodríguez (Arbo) 
06/09/2015. Divina Mendes (Vigo)
04/10/2015 Silvina de Oliveira (Vigo)
24/10/2015. Concepción Reguera (Pontesampaio, Pontevedra)
29/10/2015. María José Rodríguez (Vigo)
29/12/2015. Marina R. B. (Mos)
29/12/2015. C.P.C (Narón) 

Porén, tamén foron asasinadas embora non seren recoñecidas como vítimas de violencia machista:
 
08/11/2015 Inma Cendón (asasinada polo seu fillo) (Vigo) 
31/07/2015. Amaia Oubel. (Moraña)
31/07/2015. Candela Oubel (Moraña)
03/07/2015. Sergio Rodíguez (Arbo)
28/11/2015. Manuel Ángel Rivas (Ponte Caldelas)

Aliás, rexistráronse outros asasinatos de mulleres cuxos procesos de investigación non contan con suficiente información para determinar se se tratou de asasinatos machistas.
02/05/2015. Socorro Pérez (Ourense)
07/06/2015. Yelisa Altagracia (Pobra do Caramiñal)
29/12/2015. Cándida Pérez (Narón)