A carreira de obstáculos das mulleres que denuncian

[Carlos Latuff]

A falta de coordenación e de transvesalidade nas axudas a mulleres en situación de violencia machista marcan a realidade daquelas que deciden denunciar. 

 

"Moitas mulleres retiran as súas denuncias porque é unha agonía aguantar un proceso do que nunca saes enteira. Tes que pasar por un scaner para que decida alguén que non sabe o que estás a padecer, se mintes ou non... tes que "espirte" diante dunha xuíza fría e sen ningunha empatía, diante dunha psicóloga, diante da policía, diante dun forense que na segunda consulta non ten nen o teu expediente e non sabe con quen está a falar... diante de amizades, de familiares, de xente que non te coñece... e aínda así póñente en dúbida... [...] Xa non podo máis". 

Sara Calleja remataba así a carta que decidiu enviar á xuíza instrutora do seu caso pouco antes de se suicidar o 11 de xullo. Levaba perto de dous anos inmersa nun proceso xudicial por violencia machista no que denunciou até 18 veces a Christian Costenoble, o seu agresor. 

"Preciso descansar, a miña vida é insoportábel", apuntaba. "En realidade non o soporto e por iso me retiro". 

As denuncias son a focaxe máis recorrente no tratamento administrativo e informativo da violencia contra as mulleres. "Broncas continuas, ningunha denuncia en Castelldefels", titula un coñecido xornal da Galiza a respeito do último feminicidio rexistrado oficialmente no Estado español, desta volta en Barcelona. 

"En realidade non o soporto e por iso me retiro"

Na última Macroenquisa sobre violencia de xénero publicada polo Ministerio espñol de Sanidade recóllense as razóns que levan a moitas mulleres en situación de violencia a non denunciar, sendo "non conceder suficiente importancia" ás situacións de violencia (44,6%), o medo (26,56%) e a vergoña (26,56%), os principais motivos. 

Aliás, o 20% das que acoden á policía ou aos xulgados retiran a denuncia polas promesas de que non volverá acontecer (29,35%), crer que pode cambiar (28,66%), o medo (28,59%), o feito de ser o pai das súas crianzas (24,86), ter sentido pena (23,95%) ou ter sido ameazada (18,98%). 

O relato de Sara, feito público polo seu fillo através do diario español El Mundo, quixo focar a atención naquelas mulleres que decidiron, valentemente, enfrontar un proceso xudicial por violencia machista. O caso de Calleja non é illado. Rosa Fontaíña da Rede veciñal de Vigo contra os malos tratos asegura que traballan con dúas mulleres que carrexan ás costas "33 e 24 xuízos".

O 20% das mulleres que denuncian retírana polas promesas de que non volverá acontecer (29,35%), crer que pode cambiar (28,66%), o medo (28,59%)

No número 140 do semanario en papel Sermos Galiza publicou unha reportaxe a dupla páxina arredor da violencia contra as mulleres alén da denuncia. Que acontece cando unha muller decide denunciar? Existen protocolos de actuación e coordenación entre os distintos axentes implicados no suministro de axuda? Como valoran @s profesionais a implementación da Lei para o tratamento integral da violencia machista? 

Falta de coordenación

Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza (COPG) advertiron á Xunta através da comisión parlamentar de igualdade que “non se está facendo valer o carácter integral da actual normativa legal” pois “a muller que decide saír da situación de violencia séntese pouco amparada polo sistema” véndose “inmersa nunha peregrinación por diferentes instancias públicas nas que debe repetir e revivir a súa situación”. Unha opinión que partillan tamén desde os colectivos sociais como Sí Hai Saída en Lugo. Marta Rodíguez asegura, neste senso, que “as usuarias” da asociación reclaman “máis humanidade” e “menos burocracia” para impedir que o acceso ás axudas non se torne nun “segundo calvario”. 

Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza (COPG): “Non se está facendo valer o carácter integral da actual normativa legal” pois “a muller que decide saír da situación de violencia séntese pouco amparada polo sistema”

Rodríguez traballa man a man na cidade amurallada con mulleres en situación de violencia. “En Lugo temos sorte polo que compete á comisaría”, sinala, “o problema é cando as derivan á Casa da Muller”, un servizo municipal. “O trato alí é moi semellante á infamia”, subliña ao tempo que relata algúns dos comentarios que teñen escoitado após presentaren a denuncia. “Téñenlles dito 'pois non ter casado con el' ou mesmo 'aínda por riba tiveches fillos'”. “Chegan alí anuladas psicoloxicamente e humíllanas máis”, critica Marta Rodríguez desde Sí Hai Saída. 

A atención psicolóxica é un dos chanzos fundamentais para as mulleres en situación de violencia machista e constitúe un servizo suministrado pola Xunta de Galiza conxuntamente co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza após a sinatura do primeiro convenio de colaboración en 2004. “A atención é inmediata”, explica Fátima López, coodenadora do Programa de atención a mulleres que sofren violencia de xénero. “Despois de contactaren con nós en 24-48 horas axéndase a primeira cita” cunha persoa profesonal das 124 especializadas que traballan no programa. A partir dese momento contan con “10 sesións gratuítas ampliábeis a 20”, no caso das crianzas “cinco sesións até un máximo de quince”. 

É suficiente? Preguntámonos. “Sería preferíbel que non houber límite” e que “cada muller dispuxese das sesións que precisase” mais non acontece así polo que “algunhas chegan a adquirir capacidade de xestión” nese período de tempo mais outras non. 

En comparecencia parlamentar a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza, María Rosa Álvarez, tildou de “parche” os programas implementados pola Vicepresidencia da Xunta, e insistiu en sinalar que a asistencia psicolóxica debería ser ofrecida en atención primaria e non, como acontece agora, ter que ser solicitada polas propias mulleres, pola policía, as avogadas ou mesmo as traballadoras sociais. 

A falta de protocolos e de coordenación provoca que “as mulleres se sintan perdidas despois de pór a denuncia”, explica Fátima López quen reclama –xunto co propio Colexio-- “unha figura ou ente de coordenación que facilite o proceso e acompañe” as mulleres. “Hai moita información mais non están realmente informadas” e, en non poucas ocasións, recoñece, “comunícaselles nun momento no que emocionalmente están moi tocadas e é difícil ter unha comprensión cognitiva” do que están a escoitar. 

Burocracia

Da mesma opinión é Marta Rodríguez quen coida “inconcebíbel” que “desde os servizos sociais non se coordenen” os procesos burocráticos para solicitar as axudas. “Ninguén ten en conta a situación psicolóxica destas mulleres”. 

A propia secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, recoñeceu no Parlamento con motivo da presentación do Informe anual de seguimento da Lei de tratamento integral da violencia machista, que a coordinación entre os distintos axentes é unha tarefa pendente que carrexa, para alén do máis, importantes consecuencias ás propias mulleres.

Marta Rodríguez (Sí Hai Saída): “Solicitan unha cita cun traballador social sobrecargado e tardan meses en dárllela. Cando a conseguen pídenlles moita documentación, desde acreditar unha situación económica insuficiente até a súa realidade familiar"

“Solicitan unha cita cun traballador social sobrecargado e tardan meses en dárllela. Cando a conseguen pídenlles moita documentación, desde acreditar unha situación económica insuficiente até a súa realidade familiar. Mesmo lles fan ir a un supermercado para que determine canto gastan en víveres”, narra Rodríguez. “Isto é indignante”, denuncia en relación aos procedementos de tramitación dunha Renda de inserción social ou o 'salario da liberdade' –medida esta última que só pode solicitarse entre os meses de maio e novembro. “Moitas mulleres retráense de denunciar e volven co agresor” perante estes obstáculos e unha realidade económica que as imposibilita para facer fronte aos gastos. “Non hai dereito”, sentencia.  

Porén, os atrancos están tamén no tratamento que reciben d@s profesionais. “Os dados indican que a formación é insuficiente” tanto na policía coma na xudicatura ou o persoal sanitario. “Non todo o mundo vale, precísase sensibilidade”, din desde Sí Hai Saída e “formación que non sexa voluntaria”, acrecentan desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza.