Case 450 camas menos e 57 profesionais máis: as cifras da xestión de Núñez Feixoo

Manifestación pola contratación estábel na sanidade en marzo de 2020 (Imaxe: Arxina).
Na última década fecharon 25 consultorios locais na Galiza

"A sanidade funciona" foi o lema dunha campaña na que, a finais de 2019, dirixentes políticos avalaban a xestión de Alberto Núñez Feixoo na presidencia da Xunta da Galiza. Coincidía co anuncio dos orzamentos para 2020 para o Servizo Galego de Saúde e cun ano no que decorreron 265 manifestacións relacionadas coa sanidade no país.

A campaña celebraba "unha sanidade pública hoxe mellor que hai unha década", con "máis actividades e menos esperas", "máis orzamentos" ou "máis centros de saúde". Logo da crise sanitaria causada pola COVID-19 o propio Núñez Feixoo gabouse de que Galiza conta cunha sanidade "das mellores de Europa contra a pandemia".

As cifras da sanidade

As cifras "récord" son recorrentes por parte das populares nas súas intervencións no Parlamento da Galiza, no que acusan a oposición de "politizar" a sanidade ou de poñer en dúbida a profesionalidade do persoal, ou na actual campaña electoral. Porén, os datos non sempre casan cos lemas da formación no Goberno galego.

O total de profesionais na actualidade é superior ao do bipartito en 57 traballadoras e traballadores: 35.136 hoxe fronte a 35.079 no ano 2009, segundo o Ministerio de Política Territorial e da Función Pública. Porén hai especialidades que non recuperaron o persoal previo á crise, caso da Atención Primaria. Entre 2009 e 2018 perdéronse 34 postos de Medicina de familia, 5 de Pediatría ou 10 de Enfermaría; todas elas ramas que rexistraron os seus niveis máis baixos de profesionais durante a crise

Os sindicatos consultados por Nós Diario, CIG e UXT, e mais a plataforma SOS Sanidade Pública aseguran que a variación exacta da relación de profesionais do Sergas de todas as categorías non se pode coñecer. "Hai tempo que reclamamos ese proceso identificativo, pero a Administración galega non o fai, e non o fai para que non contrastemos o que din", afirma a voceira nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

"O que nós percibimos é a desaparición progresiva de prazas estábeis que son substituídas por persoal eventual e en precario, ese é o resultado de aplicar medidas economicistas a saúde pública", acrecenta Javier Martínez, voceiro de UXT Sanidade.  Unha eiva central nas reclamacións dos colectivos Enfermeiras Eventuais en Loita ou Facultativos galegos Eventuais en Loita. 

Centros e orzamento

Na última década creáronse 8 centros de saúde, mais fecharon as súas portas un total de 25 consultorios locais. A maiores, os hospitais públicos contan con 449 camas menos, segundo o Catálogo Nacional de Hospitais que elabora o Ministerio de Sanidade. "E ademais da supresión de áreas sanitarias, os centros hospitalarios comarcais coma o de Cee, Verín ou Monforte perderon servizos na pasada década", engade o voceiro de SOS Sanidade, Manuel Martín.

En canto ao orzamento, o monto destinado a Sanidade entre 2009 e 2020 aumentou en 9%. "Que sexa máis alto non é a cuestión, o que cómpre é transparencia nos gastos para deducirmos canto corresponde, por exemplo, ao hospital público-privado de Vigo", di Martín.