Persoal da sanidade únese para reclamar estabilidade

As Enfermeiras Eventuais en Loita nunha manifestación en Compostela en febreiro de 2020 (Imaxe: Arxina).
A eventualidade na sanidade repercute nas e nos pacientes, afectados pola rotación das profesionais, e mais no propio persoal, que nalgúns casos encadea contratos durante anos. Por ese motivo, sindicatos e colectivos percorrerán mañá as rúas de Compostela nunha manifestación. "Para poder exercer a nosa profesión non podemos concatenar contratos dun día", advirten.

"Estamos fartas, estamos cansas e non podemos seguir traballando así", resume Aurora do Noval, unha das integrantes do colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita. Xunto cos sindicatos con representación da mesa sectorial de Sanidade, CIG, CCOO e UXT, e mais outros colectivos como Facultativos Eventuais Galegos en Loita ou a Asociación de Celadores Galegos, as enfermeiras percorrerán hoxe as rúas de Compostela nunha manifestación que reivindica unha maior estabilidade para o persoal de todas as categorías laborais.

"Non se trata dun capricho, para poder exercer a nosa profesión non podemos concatenar contratos dun día, de dous días. Iso non é compatíbel coa continuidade dos coidados", acrecenta Aurora do Noval.

Esta enfermeira, que encadea doce anos como eventual, explica que sindicatos e colectivos atoparon un punto común na problemática da eventualidade e na precariedade que comporta. "Demandamos un plan galego de emprego e transparencia, tanto no censo do persoal, que a día de hoxe non existe, como nas prazas que son necesarias", expón ela.

En tanto, a CIG-Saúde censurou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, anunciase un plan galego de saúde mental ás portas da cita coas urnas do 12 de xullo, unha medida que tachan de "electoralista", cun "uso perverso" da sanidade pública ao amosar preocupación por unha área "que ten totalmente abandonada desde a súa chegada á Presidencia".

Pola súa banda, desde CCOO instaron a Xunta da Galiza a estabelecer unha negociación "seria" na mesa sectorial para o "reforzo" do servizo de saúde. O sindicato reclamou garantías para "unha asistencia sanitaria pública e de calidade". As centrais sindicais animaron a participar na manifestación que partirá mañá ás 12 horas da Alameda compostelá, lembrando a necesidade de portar máscaras e manter as distancias.