Denuncian "incumprimentos flagrantes" e "electoralismo" da Xunta coa sanidade

Protesta pola sanidade pública digna na Coruña.
A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública critica a "utilización descarada do sistema sanitario público galego con fins electorais" e reclama máis orzamento e persoal para a Atención Primaria. 

"Preténdese facer crer á poboación que se está mellorando a depauperada situación da Atención Primaria galega, cando é todo o contrario", censura este colectivo, que advirte do "incumprimento flagrante do compromiso do Goberno galego de mudar o modelo de Atención Primaria coa participación de todos os colectivos que traballan neste nivel asistencial". 

"Unha Administración que incumpre os seus acordos carece de credibilidade e lexitimidade para futuras negociacións", subliñan desde a plataforma, que onte volveu reclamar un incremento dos recursos orzamentarios e de persoal para a sanidade galega.

"O que precisa a Atención Primaria galega é incrementar o seu orzamento até ser 25% do total sanitario, recuperar e ampliar o persoal, incorporar novas categorías profesionais aos centros de saúde para atender as demandas da súa especialidade e acabar coa medicalización e recuperar a autonomía de xestión respecto dos hospitais", debulla a asociación.

Segundo lembran as súas integrantes, todas estas medidas  "están recollidas nas conclusións das 16 comisións técnicas que o PP e o señor Feixoo tratan de ocultar á cidadanía" . "Queren seguir mentindo á poboación dicindo que fan cando non fan máis que privatizar e  descapitalizar o sistema sanitario público galego, en especial a Atención Primaria", fai notar Defensa da Sanidade Pública, que culpa o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, de "pretender vender unha reforma da Atención Primaria que non responde ás necesidades".

O colectivo censura tamén que o "presunto novo modelo de Atención Primaria está baseado esencialmente en cambiar consultas presenciais por telefónicas ou informáticas (Telea), algo que xa se realiza desde hai meses nos centros de saúde". "Basear a atención nos medios informáticos supón unha clara discriminación para pacientes crónicas, a quen parece orientada, que na súa maioría non teñen coñecementos para manexar estas ferramentas e que en moitas zonas rurais nin sequera teñen servizo para poder realizalas", salienta.