'Carretando': "Estábamos acostumadas aos medios tradicionais, e estes novos proxectos supoñen un cambio"

“Carretando” está composto por xornalistas e politólogos recentemente graduados. (Foto: Nós Diario)
"Carretando" é un proxecto de divulgación sobre a política galega. Baixo o formato do podcast, as súas integrantes -Carmen, Pablo, Román, Yannick, Adrián, Lorena e Julio- pretende analizar a actualidade e a evolución dos últimos corenta anos da política do noso país dunha maneira crítica e reflexiva, á vez que integran novas voces nun ámbito que tradicionalmente só era tratado polos medios hexemónicos da Galiza. Despois dunha primeira tempada con tres episodios, recuperan o ritmo e traen novidades.

Como naceu "Carretando"?

Foi Adrián quen tivo a idea de lanzar un podcast. Xurdiu de xuntar o xornalismo e a politoloxía. Por un lado Pablo, Román, Adrián e eu, que somos xornalistas, e por outro Julio e Yannick, que estudaron Ciencias Políticas. Así foi como se formou o primeiro equipo. Agora tamén contamos con Lorena como responsábel de comunicación. Unha vez tiñamos iso, fomos dándolle forma a esa narrativa da autocaravana, coa intención de darlles ás ouvintes a sensación de movemento. Como se viaxásemos pola Galiza para entender a política da terra.

Parecíanos que era un terreo que estaba moi pouco explotado no mundo do podcast en galego.

Cal é o obxectivo do proxecto?

Penso que o noso obxectivo principal é divulgar e informar sobre a política galega, pero dunha maneira máis pausada do que se fai normalmente. A idea é centrarse menos na actualidade e dar pé a un espazo que invite a reflexionar. Queremos que as interesadas poidan coñecer en profundidade todos os conceptos que nós sexamos capaces de abordar e que normalmente non son analizados dunha forma tan crítica. Tendemos a consumir a información máis rápida, e "Carretando" busca todo o contrario. Ir máis alá de "o PP leva gobernando toda a vida" e ese tipo máximas tan simples. 

Cal é o proceso de traballo que seguen para a elaboración dos episodios?

Cada un ten unhas funcións fixas, aínda que poden ir cambiando. Unha vez escollemos o tema que queremos tratar, comezamos cun proceso intensivo de documentación. Unha vez temos iso sobre a mesa, debatemos sobre que formato dar ao contido: se facer unha entrevista, unha reportaxe, unha crónica… Ás veces temos moi claro que camiño queremos seguir, como nun episodio no que entrevistamos a Martiño Noriega e Xulio Ferreiro. Aí repartímonos que vai facer cada un, e a partir dun guión inicial, imos confeccionando cada peza do episodio para a montaxe final do podcast e a súa edición, que corre a cargo de Adrián.

Que recepción tiveron entre os seus achegados e nas redes cando fixeron público o proxecto?

A verdade é que desde que abrimos as redes sociais de "Carretando" até que lanzamos o primeiro episodio da primeira tempada estivemos moi contentos co apoio e coa acollida recibidos. Sinceramente, non nos esperábamos que tanta xente respondese dese xeito, mesmo persoeiros políticos que comezaron a seguirnos nas redes sociais. Nós pensábamos que o proxecto non iría moito máis alá de nós mesmos e a xente dos nosos círculos de amizade máis próximos, pero a xente mostrouse sempre moi participativa e aberta a colaborar.

Foi unha grande alegría ver todas estas reaccións.

Vivimos unha época de apoxeo dos proxectos de divulgación en galego.  

Penso que o propio auxe deste tipo de proxectos e iniciativas de divulgación xa ten unha grande importancia en si mesmo, pois antes non era tan habitual que nacesen iniciativas que apostasen por ese modelo de información. Estábamos acostumadas a consumir medios máis hexemónicos e tradicionais, e agora estes novos proxectos en galego supoñen un cambio. Ademais, tamén poden axudar a que a xente nova se achegue a temas e formatos que normalmente rexeitaría. Facer divulgación sobre temas locais e que afectan á Galiza, empregando novas ferramentas fai que a xente comece a reflexionar sobre conceptos non tan vencellados á actualidade informativa, pero que xogan tamén un papel moi importante no día a día e na vida das galegas.