Carlos Penedo: “O noso territorio é un polígono industrial eólico”

Vista dun parque eólico perto da lagoa de Traba, en Laxe. (Foto: Nós Diario)
Adega promove un novo debate sobre a afección dos parques eólicos en proxecto ou tramitación na Galiza, no que a sociedade amosa a súa preocupación pola política da Xunta ao respecto destas explotacións.

A Asociación Ecoloxista Adega vén de organizar un novo debate sobre os 'Proxectos eólicos e os seus impactos na Galiza' no que se esclareceron cales son algunhas das zonas máis ameazadas e a realidade do territorio perante as empresas que pretenden o aproveitamento dos recursos verdes sen atender aos puntos de vista medioambiental e patrimonial.

No decorrer da charla virtual, Carlos Penedo, membro da Rede Galega por Un Rural Vivo, alertou de que na Costa da Morte hai en tramitación 19 parques cuxo “dano sería catastrófico” tanto para o territorio como para a paisaxe.

Neste sentido, indicou que os aeroxeradores estarían na Lagoa de Traba, en Laxe -que xa ten preto varias explotacións, unha das cales se pode ver na imaxe que ilustra a nova-, o pozo da Lagoa de Corme, as brañas de Gondomil, os cantís do Canteiro ou o esteiro do río Anllóns, por nomear só algúns puntos baixo a mirada das eléctricas.

“De norte a sur, de leste a oeste, o noso territorio é un polígono industrial eólico”, acabou por reflexionar Penedo, amosando a súa sensación de que non existe planificación.

"Ao servizo do capital"

Ademais, aludiu a una “estratexia política ao servizo do capital” que, ao seu ver, “compromete unha transición enerxética ordenada e xusta” de cara ao autoconsumo e produción a pequena escala.

Como na palestra tiveron voz diversos colectivos, Araceli Macías, de Rural Mutante, destacou que a xente nova que vive nas zonas de montaña, como pode ser O Courel, si ten sensibilidade perante os macroproxectos que afectan ao medio.

Remarcou que a mocidade sinte que non ten “poder de decisión sobre o que ocorre no lugar” no que habita. De feito, para ela a aposta no “monocultivo enerxético” impide consolidar un plan de futuro.

Por parte da Asemblea do Suído tomou a palabra Alexandre Cendón, que lembrou que a contorna podería terse integrado na Rede Natura pero a realidade é que esa proposta virou nunha gran afección dos eólicos.

Mais esa presión dos parques tamén fixo que a sociedade levantase a voz ante o perigo de extinción dos hábitats de turbeiras ou dos riscos que os muíños supoñen para distintas aves.

A estratexia da Xunta segue as pautas das empresas do grande capital, a lóxica da rendibilidade... A mesma a lóxica que nos levou a esta crise ecolóxica”, lamentou, ao tempo que pediu que se estabelezan zonas de exclusión nas que os parques non teñan cabida.

Pola súa banda, Ariadna Fernández actuou como voceira das áreas agrogandeiras, pois ela mesma é unha das afectadas polas iniciativas en proceso para Lalín.

Están querendo ocupar con eólicos terra rica en recursos, mananciais, fontes...”, avisou, facendo fincapé na realidade do solo que ocuparía a explotación Monte dos Porcallos. As e os gandeiros teñen “medo” a que se lles obrigue a marcharse ante unha Xunta que “infravalora e devasta o territorio”.