"O PP é o goberno das eólicas", di Luís Bará

Menos do 12% do territorio galego está protexido, o que levou a Comisión Europea a pedir que se amplíe definitivamente a Rede Natura 2000.
Luís Bara onte no Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Luís Bara, hoxe, no Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario)

“Vostedes practican de marabilla o márketing verde, mais é todo decorado”, proclamou Luís Bará, deputado do BNG, durante unha interpelación á Xunta da Galiza hoxe no pleno do Parlamento para cuestionar por que non se ampliou a Rede Natura 2000 despois de anuncialo en distintas ocasións.

“O seu Goberno é o dos parque eólicos, e o seu interese o das grandes empresas enerxéticas”, defendeu Bará, que criticou a paralización da ampliación que comezou en 2008 en canto o PP chegou ao poder.

Tamén abundou nas anunciadas ampliacións desta rede en 2012 e 2017, que “gardaron nun caixón para dar barra libre aos eólicos”, apuntou o deputado nacionalista, que tamén os acusou de manter un plan eólico obsoleto ao estar asinado en 2001 a pesar de a Comisión Europea solicitar rematar a ampliación.

Asemade, Bará cuestionou se dentro do Goberno existe vontade de protexer o medio ambiente, tendo en conta que das 201 especies ameazadas da Galiza, só hai un plan de protección para tres, “a pesar de contratarse 45 plans de conservación desde 2009 que custaron máis de 500.000 euros”, concluíu o deputado.

Ninguén sabe como acceder a estes plans excepto empresas como Greenalia, afeoulle Bará, “se isto non é prevaricación achégase moito”, indicou en referencia á ex conselleira da Xunta Beatriz Mato, agora a soldo da empresa enerxética.

Ao tempo, o deputado cualificou de “manobra de distracción” o anuncio do PP onte de paralizar 35 proxectos eólicos, e pediu que freen os proxectos “en espazos e hábitats que deberían estar protexidos, onde a xente quere vivir e traballar”.

Na resposta, Francisco Conde, vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, asegurou que desde a Xunta da Galiza impúlsase un “modelo de enerxías renovábeis garantista e ordenado” que fai compatíbel a actividade económica coa preservación do medio ambiente”.

Conde tamén cuestionou a "criminalización do sector eólico" e fixo público que abordarán -por terceira vez- a ampliación da Rede Natura 2000.

A Galiza ten protexido menos do 12% do territorio, respostou Bará, moi inferior á media do Estado, e lembrou que até o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza recoñeceu baleiros legais nos que se amparan as empresas enerxéticas.

Comentarios