Carlos Babío: "Unha sentenza desfavorábel non apagará a loita polo Pazo de Meirás"

Manuel Pérez e Carlos Babío en Meirás([Imaxe: Erik Dobaño).
A pasada sexta feira deu comezo o proceso xudicial polo que a avogacía do Estado reclama á familia Franco a restitución do Pazo de Meirás. Sen acordo previo entre as dúas partes, o proceso seguirá o seu curso. Nós Diario conversa con Carlos Babío, investigador e chamado como testemuña polo organismo estatal. 

Na vista celebrada onte no Xulgado de Primeira Instancia Número 1 da Coruña non houbo acordo entre a familia Franco e a avogacía do Estado, que reclama  a devolución do Pazo de Meirás á titularidade pública. O avogado do Estado, Javier Suárez, defendeu a existencia dun "proceso coactivo" na adquisición de Meirás, que o letrado das herdeiras do ditador negou.

"Era previsíbel", valora Carlos Babío, investigador e coautor de Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio. "Hoxe o Estado ía a dúas cuestións", explica Babío a Nós Diario, "primeiro a presentar as probas, expoñer a documentación, falar dos termos da vista e como se vai celebrar, e propoñer as testemuñas". El mesmo será unha delas. Babío salienta a importancia deste xuízo: "É o triunfo dunha demanda social e unha loita que comezou hai moito tempo".

A loita cidadá
O autor fai memoria das accións que deron pé á actuación da avogacía do Estado. A constitución da Comisión de Memoria Histórica da Coruña, ou a acción das coñecidas como "19 de Meirás", que ocuparon simbolicamente o edificio en 2017. "A reclamación visualízase en medios internacionais, di.

Babío tamén lembra que a Deputación da Coruña foi a primeira institución pública en canalizar as demandas cidadás, creando a Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás."O primeiro debate que se produciu foi o da fórmula da restitución", explica. A legalidade vixente recoñece o período franquista "como un período normal nun Estado de dereito". Abríanse dúas vías: reclamar a reforma lexislativa ou procurar unha estratexia de devolución. Optouse pola segunda.

A base da demanda
Nese camiño tiveron unha grande importancia as investigacións que Babío desenvolveu xunto a Manuel Pérez Lorenzo. A estas uniuse o achado dun documento que describe venda "en fraude de lei" do pazo e serve de base á denuncia da avogacía do Estado.

"En 1938 créase a Junta Pro Pazo, que merca Meirás e o rexistra, para despois doalo a Franco", explica. Esa doazón, modifícase despois por un acordo de compra-venda en 1941. " Compran o pazo á mesma persoa que xa o vendera á Junta Pro Pazo, en fraude de lei. Así evitábase que, tras a morte de Franco, retornase ao dominio público", resume o autor.

Meirás funcionou como residencia oficial da xefatura do Estado, denuncia Carlos Babío

Para Babío, o uso que fixo do Pazo de Meirás a familia Franco tamén xogará un papel chave na demanda da avogacía do Estado. "Demostrarmos cunha serie de documentos, abondosos en número e contundencia, que o Meirás funcionou como unha residencia oficial da xefatura do Estado", asegura o autor. Compara Meirás co Palacio del Pardo, a residencia oficial do ditador nos meses de inverno. "A intendencia, gastos de todo tipo, incluídos os do persoal que traballaba en Meirás, correron a conta do erario público", incide, "todo o pagaba o Estado".

En 1975, abunda o autor, o Estado continúa asumindo determinados gastos do Pazo de Meirás. Ao tempo, a familia Franco está obrigada a abrir as súas portas ao público determinados días do ano. "Polo tanto, estamos ante un ben roubado, un ben mantido polo erario público. Os Franco, primeiro o ditador e despois a súa familia, mantivérono de maneira absolutamente irregular".

O xuízo comezará o 6 de xullo. Para Babío, "unha sentenza desfavorábel non vai rematar coa loita". O autor asegura que, se ese fose o resultado, "demostraríase que non se pode procurar xustiza ao redor do Franquismo coa lexislación vixente".