Carlos Babío, investigador

“Por vez primeira o Estado demanda ao franquismo nos tribunais”

Carlos Babío, coautor de “Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio”, a peza clave na demanda contra os Franco, valora nesta entrevista a demanda da Avogacía Xeral do Estado contra os herdeiros do ditador.

Manuel Pérez e Carlos Babío en Meirás([Imaxe: Erik Dobaño).
photo_camera [Imaxe: Erik Dobaño] Manuel Pérez e Carlos Babío, autores do libro sobre o pazo, en Meirás

Desta volta vai en serio. A demanda que a Avogacía Xeral do Estado presentou a pasada cuarta feira nun xulgado da Coruña contra os herdeiros do ditador (os netos de Franco, os Martínez-Bordiu: María Aránzazu, María del Mar, María de la O, Carmen, Cristóbal e Jaime, e a empresa da que é administrador Francis Franco, Señor de Meirás, e á que traspasou os seus dereitos como herdeiro) reclama a devolución ao Estado dos bens que fan parte do Pazo de Meirás, en concreto “dos inmóbeis e terreos que compoñen o conxunto que a Xunta declarou BIC no 2008 por iniciativa do BNG”, explica Carlos Babío, neto dunha propietaria desaloxada polos Franco na expansión de Meirás, investigador e coautor (xunto a Manuel Pérez Lorenzo) do documento que sirve de base á demanda (o libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, publicado en galego a finais do 2017 con notábel éxito no Estado e silenciado en Galiza), político nacionalista que concorreu na lista das Europeas xunto a Ana Miranda liderando a loita pola memoria das vítimas do franquismo.

Di Babío que desta vai en serio porque “por vez primeira o Estado enfronta ao franquismo nos tribunais”. Gañe ou non, a primeira ficha do dominó cae e será difícil parar a caída sucesiva das pezas na ringleira. “Intentarano, pero o cambio de actitude do Estado é substancial, inda que a Xustiza española en parte está nas mans de quen estaba, o cambio de dirección da democracia respecto do franquismo é radical”. A sensación é esa. Por iso Manuel Monge, outro veterano da loita por Meirás, visitou onte pola mañá a Babío no traballo para abrazalo.

A novidade é que apareceu un documento de 1938 de compravenda do Pazo por parte da Junta Pro Pazo del Caudillo [a reunión de notábeis coruñeses que acordaron agasallar a Franco antes de rematada a guerra] que confirma o fraude na operación que outorgaba a propiedade a Franco en 1941… É esta proba o que acelera o proceso de presentación da demanda?

A novidade é que se presenta a demanda. O documento é importante, pero non acelera nada. A demanda víñase preparando desde hai meses a partir de que a Deputación da Coruña primeiro e o despois o Parlamento de Galiza emitiron os seus informes xurídicos sobre a posibilidade de preitear por Meirás.

Cando apareceu o documento?

Eu sóubeno hai tres ou catro meses. Foi unha xestión da Avogacía do Estado aquí na Coruña. Estaba no Arquivo de Protocolos Notariais.

Cando elaborastes o libro sabiades dese documento?

No libro falamos del porque a Junta Pro Pazo, tanto nas comparecencias públicas como no carteo que mantén con Franco, fai referencia a unha escritura na que se formalizou a compra a nome da Junta. Buscámolo, pero o Arquivo de Protocolos Notariais é de moi difícil acceso. Depende do Colexio de Notarios. Ti tes que lexitimarte, por dicilo así. Non podes chegar e solicitar calquera cousa. Tes que indicar o nome do notario que fixo o protocolo, a data… Ou dispós de moita información ou contas cos resortes do Estado…

Por que se retrousou a presentación da demanda até xullo?

O director para a Memoria Histórica, Fernando Martínez, con que me reunín en Madrid, cesou en marzo trala convocatoria das eleccións e deixou dada a orde de que se presentara. Supoño que a estratexia e os tempos xurídicos son cousa da Avogacía.

Para que vos reunistes?

Pois pedíronos que achegásemos toda a documentación á que facemos referencia no libro, todos os documentos que tivéramos. Démoslles máis de setecentos documentos.

A demanda contén máis novidades ademais desta escritura?

Si, pero este documento é fundamental porque é a proba de que en 1938 se produciu a compravenda por parte da Junta Pro Pazo aos herdeiros de Emilia Pardo Bazán. Entón, pódese argumentar a nulidade da compravenda de 1941 por parte de Franco, que é a vía xurídica que suxería o informe da Deputación da Coruña. Despois da adquisición en 1938 houbo unha doazón a Franco que non se formalizou en escritura. Por iso o Caudillo, en 1941, pediu que se fixera unha compravenda ao seu nome e cos herdeiros no contrato. A demanda sinala esa simulación de contrato e pide tamén a nulidade da doazón. O texto incorpora ademais outras cuestións que non estaban nos informes emitidos pola Deputación e polo Parlamento galego e que teñen a ver coas fincas e outros elementos que se foron engadindo ao conxunto. En fin, a demanda pide que respecto de todos eses bens se declare a nulidade da propiedade de Franco e sexan rexistrados a nome do Estado español.

Inclúense na reclamación as obras de arte ou outros bens móbeis que puideron desaparecer do Pazo?

Inclúese o catalogado como BIC. Hai que ter en conta que ningunha Administración pública puido catalogar e coñecer o que había no Pazo até que se iniciaron os trámites para a declaración como BIC no 2008. Antes diso non se sabía o que había.

O que se reclama é o conxunto intramuros; polo tanto, quedan bens fóra.

Si, decidiuse así: que o obxecto da demanda sexa o protexido como BIC. As fincas que quedan fóra poden ser obxecto de futuras demandas. Dependerá do éxito desta…

O que se discute é a propiedade do Pazo desde a guerra até a morte do ditador. Pero a controversia mantense dentro da propia legalidade franquista e desa legalidade herdada, non? Estase asumindo unha legalidade que se lexitima nun golpe de Estado e nunha guerra contra a República…

A controversia establécese dentro da legalidade franquista. Podemos miralo así. A ver: o que sucede é que a estratexia está definida polos xuristas que estudaron unha serie de informes de historiadores. Apostamos por esa vía. Pero iso non significa que se pechen outras vías, digamos, políticas, que suporían por exemplo reformas lexislativas que eliminasen as anomalías no que atinxe á relación desta democracia co seu pasado. Se esta vía xurídica fracasa, a democracia ten outros mecanismos.

Mais inda que teña éxito tamén pode ser unha vía que pare en Meirás…

Conseguiuse a unanimidade entre os xuristas respecto a que Meirás nunca foi de Franco. Nunca. Pero mesmo podería pasar que os Franco reclamen os seus dereitos polo feito de ter ocupado o Pazo durante todo ese tempo desde a morte do ditador. Unha ocupación; é dicir, baseada nun feito por imposición do aparello franquista: roubo e ocupación. E se consideramos isto como un roubo e unha ocupación, pois a democracia estaría, digamos, máis obrigada a impulsar as reformas lexislativas pertinentes para facer xustiza e reparar. Polo camiño do dereito pódese chegar a discutir estas cousas.

Daquela serían necesarias outras vías en casos non tan documentados e nos que o roubo foi directo, exercido a través da violencia ou a ameaza de violencia, e afectaría ao enriquecemento das elites do franquismo.

Enfoquémolo desde outro punto de vista. Inda que neste caso sexa o Estado o que impulsa unha demanda a través da xustiza, detrás estivo toda a loita social en Galiza. Fomos quen, desde a sociedade civil, de conseguir que o Estado presente unha demanda contra o franquismo. Formalmente é a primeira vez que sucede isto. E implicitamente se está falando de abusos, de espolio, de botín de guerra, de métodos coercitivos…

Non dun modo explícito...

Pero é importante. Son as teses que sempre defendemos desde a loita social… Hai que velo tamén como unha oportunidade para que o Estado se normalice democraticamente na liña do camiño da anulación dos xuízos do franquismo, por exemplo. Meirás foi un asunto mal pechado na chamada transición democrática e agora estase tratando de resolver. Isto racha co relato que o Estado mantiña até o momento respecto da transición.

Levas moitos anos traballando para que chegara este momento. Cal foi a clave para que o proceso se encamiñara?

Foi a decisión da Deputación de institucionalizar a reclamación. A loita por recuperar Meirás era un asunto da sociedade civil. Pero en 2017, Goretti Sanmartín dá o paso e consegue que se implique a Deputación da Coruña. A partir de aí, entra o Parlamento galego e despois o Estado, que foron enriquecendo a argumentación e a estratexia. Pero aquela decisión do verán de 2017 foi clave. Deu pé á Xunta Pro Devolución, que agrupaba a colectivos da memoria, asociacións culturais, á universidade e a partidos. Esa xunta encargou o informe histórico e xurídico que deu pé a esta demanda. Foi a primeira vez que institucións e colectivos se aliñaron.

Servirá Meirás para activar outras reclamacións, por exemplo, a da Casa Cornide na Coruña?

Neste caso, debería ser o Concello da Coruña quen tome cartas no asunto. Tería que levar a súa propia estratexia. Pero Meirás ofrece algúns exemplos, como o de lle dar voz á sociedade civil e a diferentes actores no proceso. Tamén pode ser exemplo de recuperación da verdade, desa memoria que estaba silenciada na sociedade pero moi viva, e que fomos rescatando durante todos estes anos. 

Ves posibilidades de que Meirás contribúa a dar ese salto e encamiñar a recuperación da verdade, a xustiza e a reparación tamén a través de políticas de memoria máis decididas?

O labor de recuperación dos feitos e da memoria das vítimas era algo que desde o principio lle correspondía ter feito ao Estado. E non o fixo. Tivo que ser a sociedade civil quen fixera ese traballo. E mesmo tivo que facelo sen axuda do Estado e, ás veces, con trabas, como o que pasa cos arquivos… Ben, malia iso, fomos recuperando a memoria. E se miramos hai quince anos, o debate estaba en que si o Pazo fora un roubo ou fora un agasallo. Hoxe ninguén discute que aquilo foi un roubo. Pero todo ese traballo fixémolo desde a sociedade. Agora, por exemplo, estamos aquí discutindo sobre as fórmulas de normalización democrática. Algo se avanzou, non? Quero dicir, o mesmo encalla esta vía xudicial, ou a política… pero o que non vai encallar é a loita pola memoria.

Como seguirá a túa participación neste proceso?

Pois igual a Xunta Pro Devolución xa fixo o que tiña que facer, non o sei… Igual a demanda esixe un acompañamento desde a sociedade civil. Conseguimos algo e adquirimos un coñecemento, aproveitémolo para acompañar as loitas pola memoria e por unha democracia de verdade. Por certo, o noso libro vai ser presentado como unha das probas da demanda.

Recuperará a túa familia a propiedade que Franco lle quitou a avoa?

Os herdeiros xa manifestamos moitas veces que o que queremos é que ese conxunto intramuros, no que quedou a casa da avoa, volva á titularidade pública para uso público. Esa é a reparación que desexamos.

Comentarios