sábado 06.06.2020

A vista previa da demanda sobre Meirás é esta sexta feira na Coruña

Trátase do proceso iniciado polo Estado para reclamar a propiedade á familia Franco.

Pazo de Meirás
Pazo de Meirás

A vista previa ao xuízo derivado do proceso iniciado polo Estado o pasado mes de xullo para reclamar a propiedade do Pazo de Meirás á familia Franco será esta sexta feira, día 31, ás 10.00 horas, no Xulgado de Primeira Instancia da Coruña, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG).

A audiencia pretende "intentar chegar a un acordo ou transacción entre as partes", ademais de examinar "cuestións procesais" que poidan impedir o seguimento do proceso e fixar "con precisión" o propósito da demanda.

Ás partes déuselles a posibilidade de recorrer a unha negociación para intentar resolver o conflito, "incluído o recurso á mediación", debendo informar nesta audiencia da súa decisión.

O Pazo de Meirás, en mans dos herdeiros de Francisco Franco, foi declarado de interese cultural (BIC) polo goberno de PSdeG e BNG  en 2008. Nove anos despois, en 2017, o Parlamento galego encomendou a creación dunha comisión de expertos para estudar o seu posíbel retorno ao patrimonio público.

En xuño do ano pasado, a Cámara galega recibiu o ditame deste órgano e aprobou por unanimidade instar o Executivo central a que tomase as medidas legais oportunas para recuperar o pazo.

O Goberno español, a través da Avogacía do Estado, presentou unha demanda contra a familia Franco nos xulgados da Coruña para reclamar a devolución do Pazo de Meirás.

comentarios