Cargos de Renfe sabían que a curva de Angrois era "un punto crítico"

José Luis Rodríguez Vilariño declarando onte no xuízo do Alvia. (Foto: Nós Diario)
Continúa o xuízo do accidente do Alvia en Santiago

O xuízo polo accidente do Alvia en Angrois (Santiago) en 2013, que deixou 80 mortes e 145 persoas feridas, retomouse esta cuarta feira coas declaracións da secretaria do consello de administración de Adif naquela altura, María Rosa Sanz Cerezo, e de dous cargos de Renfe, José Luis Rodríguez Vilariño e Ángel Lluch Perales que recibiran o correo co aviso do xefe de maquinistas, José Ramón Iglesias Mazaira, sobre o perigo da curva da Grandeira.

Cerezo, que compareceu en calidade de testemuña posposta polo avogado do maquinista Javier Illanes, certificara que o ex director de seguridade acusado no xuízo polo sinistro do tren [Andrés Cortabitarte] tiña competencias sobre seguridade. Porén, matizou, tratábanse de "cuestións de execución ou interpretación, máis que normativas".

Na causa consta un certificado desta ex alto cargo de Adif que indica que as competencias sobre medidas de seguridade estaban delegadas no director de seguridade en circulación do administrador, en referencia á aprobación de circulares e instrucións.

Cerezo indicou esta cuarta feira que "estas instrucións non supuñan unha potestade normativa para o director xeral de seguridade", e destacou que "debía actuar no marco do regulamento". Ante a pregunta sobre se Cortabitarte "tiña plenos poderes para lexislar en materia de seguridade", respondeu que non; "a potestade está onde está", resolveu.

Pola súa parte, o superior inmediato do xefe de maquinistas que avisou do risco do accidente na curva de Angrois, Vilariño, afirmou que consideraba o treito como un "punto crítico" pero que se "axustaba á norma".

Nesta liña, o membro do equipo da xerencia de seguridade na circulación de Renfe Viaxeiros, Lluch Perales, ao igual que Vilariño, tamén a considerou "un punto crítico", pero non lle deu "trascendencia".

Ademais, defendeu que a curva "estaba regulamentariamente sinalizada" e que non era "relevante" instalar máis sinais. En canto ao correo electrónico de Mazaira, declarou que non o recibira, pero confirmou que nunha conversa con el lle trasladara o aviso.