Cargos da Igrexa reparten en misa oracións contra os "inimigos" de España: "Piratas e ETA"

A Igrexa de Quireza, parroquia do municipio de Cerdedo-Cotobade, na comarca de Pontevedra. (Foto: Xas)
A pregaria, divulgada en misas dominicais de Cerdedo-Cotobade e Vigo, forma parte, segundo confirmou o vicario do Arcebispo a Nós Diario, de rezos empregados en cuarteis do Excército

A distribución de folletos en misas dominicais en Cerdedo-Cotobade e Vigo rezando pola "unidade da nación española" recibe críticas por parte de entidades como a Asociación Irimia de crentes galegas e galegos. O vicario de Cerdedo-Cotobade defende a este xornal o texto da oración.

O pasado 20 de agosto, durante a misa dominical nas igrexas de Quireza, en Cerdedo-Cotobade, na comarca de Pontevedra, e tamén en Vigo, as persoas asistentes sorprendéronse ao ver que se distribuía un texto denominado 'Oración por España'. Nel solicítase ao “Señor Jesús” que “Guarde a España de todo peligro y fortalécela frente a toda adversidad, guía a los españoles al fulgor de tu luz, protege a nuestras Fuerzas Armadas, defiende a nuestras Fuerzas de Seguridad, preserva la unidad de la nación y ampáranos bajo el manto de Nuestra Madre Inmaculada y con la Intercesión del apóstol Santiago, patronos del pueblo español”. O texto remataba pedindo que a libre “de sus enemigos, confunde a sus adversarios y convierte a nuestra patria España en una antesala de la patria celestial”.

O panfleto, no caso de Quireza, foi distribuído polo vicario de Cerdedo-Corobade, o berciano Calixto Cobo Franco. En declaracións a Nós Diario, Cobo asegura que coñeceu a oración en Radio María e baixouna de internet. "Teño amizades que son capeláns castrenses que tamén a empregan", asegura. En relación ao contido, defende que "é unha oración por España mais podía ser por Nicaragua ou Ucraína". Preguntado polo que considera que son os "inimigos" de España aos que fai referencia na oración, afirma que poden ser "desde os piratas que atacan barcos españois en Somalia até ETA".

O folleto e a súa distribución recibiu as críticas do BNG local, a través dun comunicado nas redes sociais. A formación nacionalista condena “expresamente o reparto de panfletos por parte do vicario na igrexa de Quireza nos que se chama a dividir a veciñanza en bos e malos sen respecto algún á independencia ideolóxica”, engadindo que teñen “un desprezábel tufo de lembranza á terríbel represión sufrida nas terras de Cerdedo e no conxunto do concello”. Por este motivo instan “a Igrexa a se achegar á realidade social do pobo a prol da diversidade política e sexual” ademais de “a traballar pola igualdade das mulleres en aras da convivencia e o respecto democrático así como a evitar exhortacións de medo que nos leven aos tempos das cuneta”.

Desde a Asociación Irimia de crentes galegas e galegos, Lois Ferradás considera, en declaracións a Nós Diario, que o panfleto "é unha clara expresión da ultradereita", ademais de ser unha "basta utilización da relixión para difundir esa ideoloxía". Por último, aclara que   "non é nada cristián o que di".

Nós Diario púxose en contacto con ambas as dúas arquidioceses, a de Santiago e a de Tui-Vigo, para coñecer a súa opinión. Fontes da primeira consideraron o tema como "unha decisión individual do vicario".

Outro caso en Zas

Non é a primeira vez que entra a polémica nunha parroquia galega. En 2019, tal e como informou no seu momento Nós Diario, o párroco de Zas descualificou en twitter a feministas e votantes nacionalistas. Nun chío insultou as primeiras como “manda de porcas” e nunha segunda mensaxe chamou “gilipollas” as votantes do BNG, após a negativa desta formación á acudir á xuntanza co rei, no marco da rolda de contactos previos á investidura.