O carballo do Banquete de Conxo lidera a votación á árbore europea do ano

Carballo do Banquete de Conxo, candidato a árbore europea. (Foto: arboleuropeo.es)
A cidadanía aínda pode votar polo seu elemento natural favorito e, de feito, o Goberno de Aragón así como outras institucións públicas están a pedir o voto para a sabina milenaria de Blancas, en Teruel, que é a principal opoñente da árbore galega nesta competencia promovida por Bosques sen Fronteiras. A Xunta, pola súa parte, deixa a defensa da proposta ao Concello compostelán.

O carballo do Banquete de Conxo, en Compostela, -con máis de 250 anos de historia- continúa a súa competencia contra outras dez candidaturas polo premio de Árbore Europea do ano 2022 que promove a organización Bosques sen Fronteiras.

Nas inmediacións en que se sitúa esta árbore decorreu o Banquete de Conxo en 1856. Daquela a Galiza sufría unha etapa de crise e, ao mesmo tempo, de reivindicación, en especial da man do provincialismo, que denunciaba a colonización da Galiza e o centralismo da Corte española, con protagonistas como Antolín Faraldo, para entón, xa fuxido en Portugal despois do levantamento que rematou co fusilamento de Carral.

Rosalía tamén está vinculada a este histórico bosque, como lembrou a Nós Diario Henrique Alvarellos, autor dun libro na que dá conta dos carballos centenarios deste espazo que aínda hoxe viven.

Este elemento senlleiro lidera as votacións, pois na noite desta quinta feira sumaba 13.086 apoios, mais non se pode descartar que a candidatura seguinte poida protagonizar un adiantamento dado o respaldo que está a sumar por parte de administracións públicas como o Goberno aragonés ou a Deputación de Teruel, entre outras.

A proposta aragonesa é unha sabina situada en Blancas, na comarca do Jilorza, que xa ten 10.660 votos a favor. O seguinte clasificado polo momento é, a moita distancia, o drago milenario de Icod de los Vinos, en Tenerife.

Ademais, hai que ter en conta que mentres que o interese polo concurso en Aragón crece, na Galiza a maior parte do impulso parte do executivo municipal de Compostela.

A Xunta limita a súa participación a Twitter

Preguntada por se ten previsto facer campaña activa a favor do carballo de Conxo como sucede co Goberno de Aragón, a Xunta -a través da Consellaría de Medio Ambiente- explicou a Nós Diario que xa no seu momento pediron que se impulsara a candidatura a través do Twitter do departamento.

No entanto, aclararon que, dado que a zona verde é propiedade municipal, a "competencia" está nesa entidade.

As mismas fontes din que sería diferente se o 'convidado verde' do Banquete de Conxo estivese incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras da Galiza, que si xestiona a Xunta. De feito, teñen a dúbida de se, aproveitando a actual candidatura a Árbore Europea do ano, o Consistorio intentará dar o salto a esa listaxe destacada do país.

Ante o posíbel sorpasso só cabe seguir chamando á votación, pois esta rematará o 20 de novembro.