Unha semana para saber se o Carballo de Conxo será a Árbore Europea de 2022

Carballo de Conxo. (Foto: Europa Press)
Sepáranlle 15.000 votos da árbore que vai en cabeza actualmente.

Quedan sete días para saber se o Carballo do Conxo, a centenaria árbore do Bosque do Banquete de Conxo, en Santiago de Compostela, conseguirá o recoñecemento de Árbore Europea de 2022, após conseguir a mesma consideración no ámbito do Estado español.

Desde o comezo das votacións, o pasado 1 de febreiro, o Carballo de Conxo situase no podio, aínda que sempre por detrás do candidato polaco, tamén un carballo, coñecido como Dunin.

No momento de escribir a noticia, o Carballo de Conxo conta cun total de 121.855 votos, polos 136.041 votos do Carballo Dunin. A terceira nesta carreira, pero xa moi atrás, é a Sobreira Grande portuguesa que recibiu polo de agora 49.444 votos.

A candidatura do Carballo de Conxo a Árbore Europea de 2022 foi impulsada polo Concello de Santiago de Compostela, e recibiu o apoio nas redes sociais de numerosos persoeiros e institucións da sociedade galega.

Historia do Carballo do Conxo

O director de Alvarellos Editora e padriño da candidatura do Carballo de Conxo, Henrique Alvarellos, conversou co Nós Diario sobre a importancia histórica desta árbore, unha das moitas centenarias que viven nos bosques da Galiza.

Para Alvarellos, máis aló da lonxevidade deste carballo, destaca o seu "relato histórico". "a árbore foi testemuña en 1856 do insólito e polémico Banquete de Conxo. Foi un acto político do Partido Demócrata de defensa dos ideais da revolución francesa que se celebrou nesa carballeira e que tivo que ser disfrazado de banquete para que as autoridades o permitisen", relatou.

O Carballo de Conxo, que naceu entre 1770 e 1780, é árbore máis anciá dos case corenta carballos que persisten hoxe en día, do milleiro que se plantaron nesta zona a finais do século XVIII.

O director de Alvarellos Editora defendeu que o obxectivo da candidatura do carballo a Árbore Europea de 2022 "é que haxa unha sensibilización definitiva cara á preservación da natureza do noso país. Neste caso, dos espazos naturais que se atopan nas contornas das cidades".