[VÍDEO] O Carballiño bate o seu propio récord: así se fixo a tapa de polbo máis grande do mundo en só 11 minutos

Unha trintena de polbeiros e polbeiras cortaron os 515 quilos de cefalópodo en só 11 minutos. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Máis de 500 quilos de polbo foron precisos para que unha trintena de polbeiros e polbeiras fixesen historia.

O Concello do Carballiño superou esta terza feira a súa propia marca á hora de elaborar a tapa de polbo máis grande do mundo: nesta ocasión foron 515 quilos cortados en menos de 11 minutos, grazas a 30 polbeiros e polbeiras, sobre un prato de 5,37 metros de diámetro.

"Vós sodes os auténticos protagonistas", eran as palabras que lles dedicaba o rexedor municipal, Francisco Fumega, aos polbeiros durante unha homenaxe esta mesma semana lembrando que "sen eles non sería posíbel conseguir a declaración de Interese Turístico Internacional" que levaban anos perseguindo e que aprobou recentemente o Goberno estatal.

Pois "os auténticos protagonistas" encargáronse de que a auga estivese no seu punto, que non faltase o aderezo de aceite de oliva, sal e pemento e de cortar o cefalópodo polo que é coñecida a vila para ofrecer perto de 2.000 racións. A cita estaba convocada ás 19 horas, pero comezou unha hora máis tarde porque entre medias os polbeiros tiñan que prepararse para desenfundar as tesoiras con gran rapidez. E conseguírono.

Na praza do Concello, a trintena de picadores e picadoras comezaron a trocear o animal coas badaladas das oito da tarde, e co reto de baixar dos 11 minutos 7 segundos o tempo empregado, demostraron un xogo de boneca áxil para terminar ás 20.11 horas. Once minutos exactos.

A cocción dos exemplares de polbo foi o paso previo á 'competición'. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

"Vamos, aí está amontoado"

Entre centenares de persoas que se achegaron o máximo posíbel para poder albiscar a obra o único son era o das tesoiras, aínda que a ritmo de gaita e bombo, porque a banda de gaitas tampouco perdeu o convite.

Algunha exclamación dos propios polbeiros e polbeiras exixindo celeridade para tapar a madeira era o outro ruído. "Vamos, vamos, aí está amontoado", berraba un dos cortadores segundos antes de que a ovación do público marcase o final do evento.

O polbo do Carballiño, único

Brazos en alto e o momento máis interesante para as persoas asistentes, o de probar o polbo do Carballiño. "Hai moita diferenza entre este e outros, co agarimo co que tratamos aquí o polbo non se trata noutros lados", aseguraba unha das polbeiras antes de mudar o papel e pasar de cortar a repartir o polbo entre os que se ían achegando co pequeno prato conmemorativo.

O apetitoso resultado final. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

As colas chegaban varias rúas máis arriba, todo para conseguir unha ración de polbo, pan, viño, sobremesa e o emblemático prato de recordo por sete euros, para levar á casa un pedazo da 60ª edición da Festa do Polbo, a primeira coa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional.

"Agora o reto é mantela", prevé o edil de turismo da vila, Manuel Dacal, quen lembrou que a tapa de polbo é o preludio "do día grande, o domingo, no parque municipal do Carballiño coa 'Festa do Polbo' que por fin regresa após a pandemia".