GRAN PARTE DA GALIZA EN RISCO EXTREMO DE INCENDIO FORESTAL

Cara ás mil hectáreas queimadas na primeira vaga de incendios de verán

Imaxe: @incendiosgalic1

A Xunta incide na intencionalidade dos lumes destes días. Un incendio na madrugada deste sábado en Ribeira afecta 175 hectáreas e obrigou cortar ao tráfico a estrada que comunica con Porto do Son. Desde a quinta feira houbo por volta de 40 incendios no noso país.

Suma e segue. Desde que na madrugada da quinta feira incendios como o de Porto do Son, Cenlle ou Lobeira 'inauguraban' a primeira vaga de lumes do verán na Galiza, os focos non deixan de xurdir, acompañados por un nordés que facilita a súa propagación e dificulta a extinción. Un lume na parroquia de Oleiros, no concello barbanzán de Ribeira, orixinado na madrugada deste sábado e que se estendeu a Porto do Son leva calcinadas 175 hectáreas e obrigou cortar ao tráfico durante 40 minutos a AC-550 á altura da Carballosa. Até a zona do incendio desprazáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).Para o seu control mobilizáronse 8 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas, 2 pas e 2 avións.

Vaise camiño das mil hectáreas queimadas desde a quinta feira. Son case 40 os lumes producidos nestes días e a Xunta insiste na intencionalidade dos mesmos. O que máis superficie afectou foi o de Monforte (465 hectáreas) e o de Fisterra, con 130, mentres o de Porto do Son queimou máis de 90.

Gran parte da Galiza está en alto risco de incendio.