O lume avanza entre Monforte e Pantón e obriga a desocupar vivendas

[BRIF Tabuyo] Imaxes do incendio de Monforte recollidas polos bombeiros.
O incendio declarouse ao mediodía desta quinta feira na parroquia de Cinsa e ás seis da tarde xa levaba arrasadas 350 hectáreas. 

O conselleiro de Medio Rural, José González, viaxou até Monforte para seguir de cerca as labores de extinción do incendio máis grande da xornada. Pola mañá estivera en Porto do Son, onde se concentrou o operativo aéreo para frear un lume que ameazaba ás casas.

Pola tarde, os alcaldes de Monforte e de Pantón informaban que se ordenara desocupar varias vivendas en aldeas das parroquias de A Vide e Mañente. "É unha medida preventiva", insistiron ambos para tranquilizar á poboación. A área na que se produciu o lume está ben comunicada pola súa proximidade á capital da comarca e hai moitas vías de acceso.  

Pola mañá desta quinta feira, os principais incendios estaban en Porto do Son e en Loberia. Os Foca con base en Lavacolla interviren xunto a outros medios aéreos, entre eles o helicóptero Kamov, e mesmo se desprazaron efectivos da UME á localidade costeira. A última estimación de Medio Rural era de 80 hectáreas perdidas.

A BRIF de Laza combateu o lume de Lobeira, un incendio no Parque Natural do Xurés, que cada verán, malo ou bo, sofre polo seu abandono. Medio Rural informou que o incendio quedara estabilizado á unha da tarde e a estimación de danos era de 30 hectáreas. En Cenlle tamén quedou estabilizado un incendio activo desde a cuarta e que asolou unhas 40 hectáreas.

A BRIF de Laza foi enviada a Monforte, que ao medio día xa se convertera no maior dos sinistros da xornada con 350 hectáreas queimadas e cunha fronte de varios quilómetros ao norte da capital da comarca avanzando en dirección sur-oeste cara Pantón. Este incendio concentrou xa pola tarde a maior parte do continxente de medios áreos -incluíndo, 4 focas das bases de Lavacolla, Matacán (Salamanca) e Torrejón (Madrid)- aos que se sumaron as unidades da BRIF de Tineo e Tabuyo, 51 homes a pé do lume entre as tres unidades, xunto ao resto de brigadas enviadas desde todos os distritos veciños.