Cantos furtivos hai na Galiza? Economistas da USC descobren un método para combater esta práctica

Os berberechos figuran entre as especies extraídas con máis frecuencia de maneira furtiva. (Foto: Nós Diario)
As especies máis afectadas polo extractivismo furtivo son a ameixa, o berberecho e o percebe, segundo un estudo publicado en Marine Policy

A natureza opaca da pesca ilegal, non declarada e non regulamentada fai que os datos sobre capturas sexan escasos ou pouco fiables, o que dificulta a estimación do volume de pesca ilegal e do número de persoas que a practican.

Para contrarrestar isto, o Grupo de investigación de Economía Pesqueira (EcoPesca) do departamento de Economía Aplicada da USC utilizou unha base de datos que permitiu adaptar un modelo estatístico e xerar un índice (CPUPE) que toma como principal input as sancións, única información oficialmente rexistrada sobre esta actividade.

A metodoloxía utilizada neste estudo publicado en Marine Policy permitiu realizar unha diagnose multiespecie (15 especies) cun alcance “pouco común” na literatura sobre pesca furtiva en pesquerías de pequena escala, “que tenden a centrarse nunha ou poucas especies”.

Deste xeito, os investigadores Hugo M. Ballesteros, Gonzalo Rodríguez-Rodríguez e Eduardo Sánchez-Lamas puideron realizar a primeira estimación do volume de furtivismo en Galicia empregando información formalmente rexistrada: entre 2012 e 2020 deuse un número medio de 1.766,2 furtivos por ano e extraéronse furtivamente 660 toneladas de marisco, unha cifra que marca “un limiar mínimo, polo que as cifras reais das capturas ilegais poden ser considerabelmente maiores”, explica Hugo M. Ballesteros.

Reincidencia e superfurtivos

Estas estimacións achegan datos que permiten analizar as tendencias da pesca ilegal, establecer liñas de base de avaliación e pór de manifesto posíbeis melloras na loita contra o furtivismo. Á vez, o estudo contribúe a abrir marcos comparativos que melloren as estimacións incorporando máis e mellores datos e poñan luz sobre a evolución de variábeis esenciais da actividade furtiva como as especies obxectivo ou a reincidencia.

A este respecto, os investigadores observaron a existencia de individuos cunha altísima reincidencia -superfurtivos-, sendo as especies máis afectadas a ameixa cunha reincidencia promedio do 4,89, o berberecho (3,66) e o percebe (2,50).

Tal e como apuntan os autores do estudo, as características contextuais do furtivismo local resultan fundamentais para combater o marisqueo ilegal e en especial os furtivos reincidentes. “Por unha banda están os que encaixarían na necesidade de aplicar medidas coercitivas severas, que son aqueles que operan de maneira profesional, que fixeron do furtivismo a súa forma de vida e a súa principal fonte de ingresos consolidada”. Estes furtivos, explican, “tenden a integrarse en redes de apoio, contar con cómplices, xeralmente familiares, que os axudan a manterse á marxe da lei, actuando no seu nome para levar a cabo calquera tipo de actividade financeira, comprar bens ou contratar servizos”.

Mais tamén dentro dos furtivos reincidentes existen outros tipos motivados a practicar o furtivismo por falla de oportunidades, desemprego, desigualdade ou por atoparse en situacións de exclusión social. “Para eles -apunta Ballesteros-, as simples sancións coercitivas, que non pagan, poden terminar sendo contraproducentes”, polo que habería que estudar outras solucións.