Medio Ambiente

Cantas mortes se poderían evitar na túa cidade de mellorar os índices de contaminación?

(Foto: Arxina).
Un estudo sinala que a Galiza podería aforrar medio millar de falecementos anuais se reducise os índices de contaminación. As sete cidades rexistran máis de 250 óbitos só relacionados coa falta de vexetación ou zonas verdes.

Ao ano, na Galiza poderían evitarse máis de 500 mortes relacionadas coa contaminación -presenza de partículas PM 2,5 e NON2-, segundo apunta un estudo do Instituto para a Saúde Global de Barcelona (ISGlobal).

O mesmo informe -que analiza parámetros das sete cidades galegas e que podes consultar en liña- indica que se poderían evitar outros 280 falecementos se o conxunto da poboación tivesen un maior e mellor acceso a vexetación e zonas verdes. Se be, tamén destaca que, en conxunto, a Galiza, atende os estándares europeos.

Partículas contaminantes

Para estabelecer os niveis de contaminación, o informe elaborado por ISGlobal atende a dous contaminantes: PM 2,5 e NON2. As primeiras son as partículas contaminantes máis pequenas e máis prexudiciais para o ser humano. Reciben o seu nome polo seu tamaño, cun diámetro inferior ou igual aos 2,5 micrómetros.

Na súa última revisión, a Organización Mundial da Saúde (OMS) prefire utilizar as PM 2,5 como indicador da concentración de partículas materiais no aire, xa que adoitan xerarse pola actividade humana.

Recomendan que non se superen os 15 microgamos por metro cúbico de media anual; un valor que practicamente dobra Brescia, a cidade italiana que lidera o ranking con 27,5 gramos; cun impacto de 293 mortes ao ano que serían evitábeis de se reducir ese parámetro.

Galiza

As sete cidades galegas estudadas cumpren os parámetros europeos, aínda que todas con números moi altos. A máis "contaminada" é A Coruña, que concentra 12,6 gramos e na que poderían evitarse 106 mortes. Non é, con todo, a que máis falecementos rexistra en relación á súa poboación e as PM 2,5. En Vigo (12,3 gramos) poderían evitarse 111 falecementos.

Lugo rexistra 10,7 gramos relacionados con 35 falecementos, mentres que en Santiago son 9,8 gramos -a cifra máis baixa da Galiza- e 27 mortes. Fechan o ranking Pontevedra (10,8 gramos e 24 falecementos) e Ourense (10,3 gramos e 38 mortes).

A Coruña, a máis contaminada con NON2

O outro parámetro que ten en conta o estudo é a concentración de NON2, un gas tóxico que potencia a aparición de ácidos e os niveis das PM 2,5 e que tamén depende maioritariamente da actividade do ser humano.

Madrid é a cidade máis contaminada das 856 estudadas atendendo a este parámetro, concentrando 39,2 gramos, cunha relación de 1.966 falecementos.

No caso da Galiza, a cidade herculina volve ser a máis contaminada, cunha concentración de 22,1 gramos e 49 falecementos; pero, unha vez máis, Vigo rexistra o maior número de mortes evitábeis, 50, con 21,4 gramos. Ferrol é a segunda menos limpa (20,3 gramos e 15 mortes); seguida de Santiago (18,2 gramos e 13 falecementos); Pontevedra (20 gramos e 12 óbitos); Ourense (19,5 gramos e 20 falecementos) e Lugo, con 17,1 gramos e 13 mortes.

Vexetación

Outro alicerce fundamental para avaliar como de limpa e sustentábel é unha cidade é o número de espazos verdes que presenta, ben como vexetación ou como área verde. 

A Coruña figura no posto 10. Máis dun 66% dos coruñeses non teñen acceso a vexetación o que arroxa un impacto de 93 mortes evitábeis. A pouca distancia, Ferrol, cun 43% dos seus veciños sen vexetación preto e 23 falecementos evitábeis.

Das galegas, a seguinte peor situada é Vigo, aínda que para atopala hai que baixar até o posto 192. Na cidade olívica poderían evitarse 61 mortes, con algo máis do 50% dos seus habitantes por baixo do estándar. No posto 296 está Lugo cun 43% de poboación e 22 óbitos; no 480, Pontevedra con 12 falecementos e un 28% de habitantes; e no 535, Ourense con 19 falecementos e un 43% de habitantes.

Entre as máis "verdes" sitúase Santiago (no posto 838 do ranking) con tan só seis falecementos evitábeis e con algo máis do 75% da súa poboación con acceso a vexetación.

Áreas verdes

Respecto ao outro indicador, as áreas verdes, utilizan a "porcentaxe de área verde" ou "porcentaxe GA", que inclúe espazos públicos como parques, prazas ou xardíns. Débese contar con polo menos un 25% de área verde para cumprir coa recomendación da OMS.

As que contan con máis áreas verdes son dúas cidades portuguesas, Paredes (0 mortes evitábeis) e Guiamarães (un falecemento a evitar) e ambas con máis do 90% da súa poboación con acceso a estas zonas.

Das sete cidades galegas, a mellor situada é Santiago (posto 859), con tan só dúas mortes evitábeis e un 24% de habitantes sen acceso ao mínimo de áreas verdes. En bo lugar quedan tamén Pontevedra (dous falecementos e un 31% sen acceso) e Ourense (con cinco mortes relacionadas e un 40% de poboación sen a porcentaxe verde recomendado).

Por detrás, Ferrol (catro óbitos e un 47% de poboación por baixo do estándar) e Vigo (17 mortes e un 55% de habitantes por baixo). A peor parada é A Coruña, que presenta máis dun 66% da súa poboación sen acceso aos mínimos de áreas verdes recomendados e rexistra 22 falecementos evitables.