99% da poboación mundial respira aire contaminado

Segundo un informe publicado nesta segunda feira pola Organización Mundial da Saúde (OMS) con motivo da conmemoración do Día Internacional da Saúde a vindeira quinta feira, 99% da poboación mundial respira aire contaminado e só 10% das cidades do planeta cumpren os estándares de calidade do aire da ONU.
A boina de contaminación de Madrid en 2022. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera A boina de contaminación de Madrid no pasado mes de febreiro. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

Segundo un informe publicadonesta segunda feira pola Organización Mundial da Saúde (OMS) con motivo da conmemoración do Día Internacional da Saúde a vindeira quinta feira, 99% da poboación mundial respira aire contaminado e só 10% das cidades do planeta cumpren os estándares de calidade do aire da ONU, unha contaminación que provoca sete millóns de mortes evitábeis cada ano.

Sobre os resultados da investigación, na que se analizaron máis de 6.000 cidades en 117 Estados, a directora do Departamento de Medio Ambiente, Cambio Climático e Saúde da OMS, Maria Neira, laiouse de que "despois de sobrevivir a unha pandemia, é inaceptábel ter aínda sete millóns de mortes evitábeis e incontábeis" debido á contaminación do aire. 

Tamén se realizaron medicións de partículas con diámetros iguais ou menores a 10 micrómetros ou 2,5 micrómetros, as cales son capaces de penetrar nos pulmóns e en torrente sanguíneo, provocando problemas cardiovasculares, cerebrovasculares e respiratorios.

Ambos os grupos de contaminantes teñen a súa orixe principalmente en actividades humanas relacionadas coa queima de combustíbeis fósiles.

"As preocupacións enerxéticas actuais resaltan a importancia de acelerar a transición cara a sistemas enerxéticos máis limpos e saudábeis", dixo ao respecto o director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus.

A OMS, froito dos resultados arroxados polo seu informe, vén de solicitar aos Gobernos adoptar ou revisar e implementar estándares estatais de calidade do aire que concorden coas últimas Directrices de Calidade do Aire da OMS. 

A organización sanitaria internacional pide monitorizar a calidade do aire e identificar as fontes de contaminación do aire; así como apoiar a transición cara ao uso exclusivo de enerxía doméstica limpa para cociñar, quentar e iluminar.

A institución tamén puxo o foco na necesidade de avanzar na mobilidade sostíbel e na mellora da xestión dos residuos municipais e industriais.

Comentarios