Especial 'Radiografía da sanidade, un ano de pandemia'

Cando os síntomas da Covid non desaparecen: impacto na saúde física e mental a longo prazo

Sonia Villapol e Guillerme Rodríguez
Publicamos a seguir o extracto da análise da neurocientífica Sonia Villapol Salgado e do psicopedagogo Guillerme Rodríguez Osorio que fai parte do suplemento especial do Sermos Galiza, de 56 páxinas, que acompañará o xornal o 13 de marzo por 3 euros.

Un ano despois de declararse a pandemia do coronav­irus, comézase a destapar un fenómeno desconcertante para moitas persoas que pasaron a Covid-19. Esta enfermidade pode ter un segundo acto devastador tamén na xente que non requiriu hospitalización, falamos dos efectos de longo percorrido ou prazo, ou as secuelas da Covid postaguda, que a miúdo son gravemente debilitantes.

Aínda que a maioría dos casos de infección pola síndrome respiratoria aguda grave do coronavirus 2 (SARS-CoV-2) preséntanse leves ou asintomáticas, moitos destes síntomas xorden semanas ou meses despois da infección, e poden confluír con novas complicacións desconcertantes que poden afectar a varios órganos do corpo. Síntomas tan desbastadores coma a fatiga grave, problemas dixestivos, caída do cabelo, febre, dispnea ou anosmia. Outros síntomas persistentes que se atoparon aínda que menos frecuentes foron arritmias ou miocardite, paranoia, ou ata arroibamento facial.

Oito de cada 10 pacientes adultos presentaron polo menos un síntoma persistente, son os resultados da metaanálise publicada en medRxiv, onde analizamos preto de 19.000 estudos, que destaparon 55 efectos persistentes entre as dúas semanas aos catro meses despois da Covid aguda. Seis estudos centráronse só en persoas hospitalizadas entre os 18 e 87 anos e os outros incluíron casos leves, ou moderados. No mes de xaneiro deste ano publicouse outro traballo en The Lancet que mostrou que o 76% dos pacientes que requiriron hospitalización presentaron algún síntoma aos seis meses, e curiosamente a proporción era maior nas mulleres. Os síntomas máis comúns foron fatiga ou debilidade muscular e dificultades para durmir. Noutro estudo realizado na Universidade de Washington, seguíronse os síntomas ata os nove meses despois da infección en persoas desde os 18 anos ata máis de 65, e aproximadamente o 30% deles informou de síntomas da Covid persistentes. Que saibamos, este estudo presenta a avaliación de síntomas de seguimento máis longa despois da infección. Pero o que chamou a atención foi que un terzo foron pacientes ambulatorios ou que sufriron a enfermidade leve e arrastraban estes efectos a longo prazo.

A análise ao completo poderás lela este sábado no Sermos Galiza Especial 'Radiografía da sanidade, un ano de pandemia'.

Sonia Villapol Salgado, é unha neurocientífica galega. Traballa no Texas Medical Center de Houston, onde é investigadora principal e profesora no Center for Neuroregeneration no Methodist Hospital Research, en Estados Unidos.

Guillerme Rodríguez Osorio, mestre e psicopedagogo.

Se non es asinante, reserva o teu exemplar no quiosque para non ficar sen el. Lembra que podes facerte subscritora ou subscritor nesta ligazón, e mesmo podes apoiar o medio sen se te facer asinante, na opción de mecenas ou amizade.