Hai unha campaña orquestrada pola Xunta, empresas eólicas e patronais para atacar as sentenzas do TSXG?

Durante estas sete semanas son continuados os comunicados cuestionando as resolucións xudiciais que afectan parques eólicos.
Desde a Xunta da Galiza até a patronal, desde empresas enerxéticas a sindicatos como CCOO e UXT, nas últimas semanas están a encadearse pronunciamentos que cuestionan sentenzas xudiciais que paralizan ou anulan parques eólicos e poñen o foco no modelo eólico que impulsa o Goberno galego.

Durante estes últimos anos por volta dunha quincena de sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) e do Tribunal Supremo (TS) tombaron parques eólicos no territorio galego e puxeron o foco na política impulsada pola Xunta da Galiza neste sector. A resolución do TSXG de 20 de xuño relativa aos parques eólicos de Bustelo e Campelo -en Coristanco e Carballo (Bergantiños) e Santa Comba (Xallas)-, anulando as licenzas outorgadas pola Xunta a Greenalia por "indebida fragmentación" e irregularidades no referido aos trámites de información pública; semellou ser un punto de inflexión para os valedores do actual modelo eólico. Decidiron pasar á acción e, a través dunha intensa campaña mediática con especial eco tamén fóra da Galiza (en concreto, na prensa madrileña), responsabilizar estas decisións xudiciais de estar a crear unha "inseguridade xurídica" que ameaza o emprego e o desenvolvemento industrial e económico galego.

A primeira manifestación neste sentido correu a cargo do propio Goberno galego. Foi a da conselleira de Economía, María Jesús Lourenzá, a 25 de xuño. Non dubidou en asegurar que as medidas cautelares determinadas pola Xustiza sobre os parques eólicos "crean inseguridade xurídica". Así, mesmo aludiu á súa experiencia "como xurista" para advertir de que estas medidas cautelares que supoñen a suspensión temporal das autorizacións dalgúns parques "deben estar baseadas na presunción dun bo dereito ou un perigo de mora procesual".

Apenas 24 horas despois era a quenda de Greenalia, a enerxética que ten os ex conselleiros da Xunta Beatriz Mato e Antonio Couceiro no seu Consello de Administración. A empresa alertaba a través dun comunicado sobre "a inseguridade xurídica que está a xerar" para o desenvolvemento de proxectos industriais na Galiza o criterio que aplica o TSXG. 

Tras o Executivo galego e a enerxética, tomaba o relevo a patronal galega. A Confederación de Empresarios da Galiza (CEG) emitía a 1 de xullo un comunicado no que falaba de "perdas millonarias e o prexuízo" que supón a "desautorización xudicial" de informes ambientais de parques eólicos "non só para as empresas do sector enerxético, senón para todo o conxunto do sector industrial galego". 

Poucos días despois, 8 de xullo, outra patronal, esta vez a Federación Galega da Construción, cargaba nunha nota de prensa contra o que considera unha "paralización xudicial" de eólicos que "afectaría a competitividade das construtoras que quedarían sen unha carga de traballo importante e ademais frearía a creación de novos empregos, co seu consecuente impacto laboral negativo".

Patronal e sindicatos

Non remataban aquí os pronunciamentos do empresariado a respecto das sentenzas xudiciais sobre a eólica. Máis recentemente, 4 de agosto, foi a quenda da patronal do metal, Asime, que asegurou que a "paralización" de parques eólicos na Galiza pon en risco 450 empregos. Mesmo afirmou que o TSXG non está a aplicar rigorosamente o estabelecido na Lei ambiental. "Debemos evitar que esta situación continúe", manifestou Enrique Mallón, secretario xeral da asociación patronal.

Mais a patronal non está soa nesta campaña. As federacións de Industria de CCOO e UXT tamén emitiron senllos comunicados nesta liña. Así, o 13 de xullo Comisións Obreiras denunciaba, a través dun comunicado, que as resolucións do TSXG "ameazan o desenvolvemento Industrial na Galiza, a creación de emprego" e poñen en perigo reverter "o atraso económico e industrial" que sofre o país. Poucos días despois, a UXT mostrábase a favor dos proxectos eólicos e pedía para eles "seguridade xurídica".  "A Galiza non pode perder o tren da eólica e debe saber integrar esta enerxía no desenvolvemento da súa economía", concluían.

Non faltaron nesta dinámica, desde logo, as asociacións que representan as empresas eólicas. O 31 de xullo a Asociación Eólica da Galiza (EGA) cargaba contra a decisión do TSXG de anular as autorizacións de construción outorgadas pola Xunta a varios proxectos eólicos como medida cautelar tras os recursos interpostos por diferentes colectivos ecoloxistas. Nun comunicado,  reprobaba "a sistemática xurisprudencia cautelar emanada" dese tribunal e advertía das súas consecuencias: "Xerará decenas de parques que nunca se construirán, miles de postos de traballo que nunca serán tales e innumerábeis empresas que non chegarán a instalarse na Galiza".

Campaña que vai a máis

En apenas cinco semanas, pois, case unha decena de comunicados, notas e declaracións por parte de diferentes actores políticos, económicos e sindicais coincidiron en cuestionar decisións xudiciais que, en base a dereito, anulaban parques eólicos e cuestionaban a política eólica da Xunta. E non acabou aquí. A 3 de agosto a Asociación de consumidores e usuarios de enerxía eólica na Galiza (Acouga) denunciou os "ataques e presións" da patronal AEE (Asociación de Empresas Eólicas) contra o TSXG polas súas sentenzas sobre algúns parques.

E esta mesma semana, na segunda feira, 7 de agosto, O Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais da Galiza rexeitou que houbese "fragmentación de proxectos eólicos" por compartir infraestrutura de evacuación, malia a Xustiza considerar que si se estaba a dar esa fragmentación en determinados parques e de aí que procedese  a anulalos.