O té de camelia presenta propiedades antioxidantes beneficiosas para a saúde

Presentación da marca Té Areeiro, onte en Pontevedra. No centro da primeira fila, Carmela Silva e Carmen Salinero. (Foto: Deputación de Pontevedra)
A investigadora Rocío Barreiro sinala que o aceite desta flor úsase como cosmético.

As investigacións sobre a camelia galega revelan diversas propiedades beneficiosas para a saúde das persoas desta flor, que se pode consumir como aceite ou en té. Para impulsar a produción de té verde de camelia, a Deputación de Pontevedra lanzou onte a marca Té Areeiro, un distintivo de calidade e de produto local. Esta distinción, que serve de indicador de excelencia e de diferenciación  doutras variedades, busca dar a coñecer este té para poder exportalo a calquera lugar.

A xefa de servizo da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, Carmen Salinero, indicou no acto de onte que están a traballar para “promover un modelo de produción sostíbel que contribúa a conservar a biodiversidade e fomentar o emprego no rural”. Neste sentido, “buscamos impulsar o coñecemento da Camellia sinensis -a especie coa que se elabora o té- para a produción e comercialización dun produto local e de proximidade: o té verde”. 

Propiedades beneficiosas

A investigadora da Universidade de Vigo, que centrou o seu traballo nas propiedades da camelia, Rocío Barreiro, explica a Nós Diario que esta planta de orixe asiática adáptase perfectamente ao clima galego. “Na Galiza temos un chan de tipo ácido que presenta un equilibrio entre nutrientes e humidade moi acertado para o cultivo da camelia”, sinala Barreiro. Aínda que aquí se empregue de forma maioritaria como ornamento, xa que é unha planta con flor todo o ano, nos países asiáticos cultívase máis para obter del aceite ou para empregar como infusións.

O aceite de camelia pode consumirse como o aceite de oliva, de feito “resulta incluso máis saudábel” xa que “a súa composición en ácidos graxos é moi beneficiosa para a saúde”. Segundo explica Barreiro, este tipo de aceite emprégase sobre todo como cosmético, tanto para hidratar a pel ou o pelo como para tratar pequenos problemas cutáneos derivados da dermatite ou da psoríase. “Pode usarse directamente, en cremas ou en xabón. É un aceite que non ten olor e que se absorbe moi rápido porque ten menos cantidade de auga que outros aceites cosméticos, polo que, ademais de ser beneficioso, é fácil de utilizar.

Con todo, o uso principal a nivel industrial da camelia é o relacionado co seu consumo como té. As infusións fanse cunha especie desta flor, a Camellia sinensis, a máis cultivada a nivel mundial. “O té é a segunda bebida máis consumida do mundo despois da auga”, sinala Barreiro, “e ofrece moitos beneficios”. O máis destacábel é a súa propiedade antioxidante a causa do seu alto nivel en polifenois, como as catequinas, tamén empregadas na prevención e tratamento do cancro. “Que sexa antioxidante axuda, por unha parte, a que as nosas células envellezan máis lentamente e, por outra, a combater infeccións bacterianas como a dos ouriños", que afecta en maior medida ás mulleres. 

As principais plantacións de camelias no país atópanse no litoral. Con todo, os mellores exemplares están en xardíns históricos. “Cando chegou aquí a camelia onde primeiro se levou foi aos xardíns da alta burguesía que plantaban as camelias como árbores exóticas que daban flor en inverno, por iso hai tantas en pazos señoriais; era un símbolo de poder económico”. O Pazo Quinteiro da Cruz, en Ribadumia (comarca do Salnés), o Castelo de Soutomaior (comarca de Vigo) ou os propios xardíns que rodean o edificio da Deputación da Pontevedra, ao lado da alameda da cidade do Lérez, son algúns dos lugares que acollen grandes exemplares de camelia galega.

A marca Té Areeiro dá a coñecer os beneficios da camelia

A investigadora da Universidade de Vigo Rocío Barreiro opina que o traballo coas camelias "é un mundo que vive de costas aos focos, que ninguén coñece". Lamenta que, a pesar de que se estean a investigar as posibilidades da camelia, "ese traballo non sae á vida real". Nesta liña, conclúe que a creación de marcas como Té Areeiro axudan a dar un paso máis. Barreiro ve positivo que a marca dea a coñecer a camelia como algo "beneficioso e propio do noso país".