Entrevista Fins Eirexas

"O cambio climático está aquí e está para quedar"

[Imaxe: Xan G. Murás]. Fins Eirexas

Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente entrevistamos Fins Eirexas, da Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), sobre os problemas medioambientais aos que se enfronta o noso país e as consecuencias do cambio climático. 

A que problemas medioambientais se enfronta Galiza na actualidade?

As preocupacións que temos aquí non son diferentes das que podería haber a nivel mundial. Estamos inmersos nun proceso acelerado, e até o de agora non irreversibél, de mudanza climática e os seus efectos estanse sentido nas zonas temperadas do planeta entre as que se atopa Galiza.

Como consecuencia disto podemos falar da perda de hábitats que estamos vivindo. Unha cuestión de especial gravidade que está sendo empeorada pola inexistencia dunha rede de espazos protexidos representativos para garantir a súa continuidade.

A proliferación do monocultivo intensivo do eucalipto deriva nunha perda dos servizos ecosistémicos, no deterioro dos ciclos hídricos e na contaminación ás rías

No que atinxe ao activismo ecoloxista, estamos inmersos no tema da eucaliptización. A proliferación do monocultivo intensivo desta especie deriva na consecuente perda de biodiversidade e dos servizos ecosistémicos, no deterioro dos ciclos hídricos, na contaminación das rias e no incremento da emisión de gases a atmosfera (por parte das plantas de biomasa que queiman estas árbores)

 

Segundo o último Informe do Observatorio de Sostibilidade, o cambio climático propiciará en Galiza unha suba de dous graos da temperatura media para 2050, así como un descenso á metade das chuvias para 2030, que consecuencias pode ter isto?

O cambio climático está acontecendo agora mesmo. Non é algo que vaia a suceder mañá, é unha problemática cuxas consecuencias poden observarse actualmente. Como ben mencionas, existen dúas cuestións importantes respecto a isto. Por unha parte, o aumento significativo da temperatura media e a diminución (e a diferente distribución) da pluviosidade.

Esta situación deriva, en primeiro lugar, na menor intensidade da produtividade dos ecosistemas mariños. Estes presentan un descenso dos seus afloramentos, unha maior  ausencia de augas de temperaturas frías (que son as que fertilizan as rías) e unha proliferación con máis intensidade das mareas vermellas. Tres aspectos que, se non se frean, podería facer caer a produtividade das rías.

Unha maior intensidade da seca, un menor nivel dos recursos hídricos e un aumento e  desestacionalización dos incendios forestais son algúns dos efectos do cambio climático que podemos observar

Outros efectos do cambio climático que podemos observar son a maior intensidade da seca, o menor nivel dos recursos hídricos e o aumento e a desestacionalización dos incendios forestais. Así como tamén o deterioro dos hábitats naturais vencellados a unha Galiza húmida que, cada vez, está tendo un clima máis mediterráneo.

A pesar de que parece un panorama apocalíptico, isto é o que está sucedendo. O cambio climático está aquí e está para quedar. A nivel cidadá, a vida das persoas vai a mudar á par que todos estes condicionantes mencionados arriba, polo que tamén sufriremos as consecuencias como elementos partes do ecosistema.

 

Para frear o quecemento global, a Xunta acaba de impulsar o plan de Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía, ¿pode chegar a ser efectivo?

Desde Adega temos unha opinión bastante crítica pero fundamentada nos feitos. Son unhas medidas que, se rañamos en todo o que é a súa literatura, están baleiras de contido e non teñen o suficiente compromiso para facer efectiva a loita contra o cambio climático.

Un dos temas chaves para frear o mudanza medioambiental é o peche das centrais térmicas de carbón. Este plan non contempla ningunha acción para limitar as emisións de gases de efecto invernadoiro realizadas polas principais empresas produtoras. Non se pode pretender facer unha loita seria se unha das medidas máis importantes, efectivas e rápidas non está incluída na Estratexia.

Respecto aos orzamentos, a redor dun 60% das iniciativas carecen del, a pesar de que estas son urxentes e inmediatas. O compromiso contra o cambio climático da Xunta é so verbal, non se pode cuantificar en orzamentos nin en efectividade. Están intentando despistar á cidadanía e trasladarlle a responsabilidade exclusiva da loita contra o cambio climático.