SUBSTITUIRá O PROTOCOLO DE KIOTO

A COP21 aproba o primeiro acordo universal para reducir o cambio climático

[Imaxe: UN] COP21

Representantes dos 195 países que participaron no Cumio do Clima en París (COP21) aprobaron o sábado o primeiro acordo universal de loita contra o cambio climático. A partir de 2020, este pacto substituirá o Protocolo de Kioto.

Após presentar a proposta de acordo na mañá do sábado, 12 de decembro, o presidente da COP21, Laurent Fabius, anunciou á tarde que este acordo vinculante fora adoptado. O obxectivo: “manter a temperatura media mundial moi por debaixo de dous graos centígrados respecto aos niveis preindustriais”.

O pacto de París, amais de instar os países a tratar de non superar a suba da temperatura en 1,5ºC, estabelece que os países industrializados, responsábeis históricos do quecemento global, deberán axudar a financiarse os países en desenvolvemento. Ademais, os países comprométense a controlar mutuamente os plans de redución de emisións. Con todo, non se marcaron porcentaxes para as irradiacións, principais responsábeis do quecemento do planeta.

As diferenzas xurdidas entre os distintos países para acadar un acordo vinculante tiveron a ver coa fixación do límite do quecemento, coas responsabilidades comúns pero diferenciadas entre os países desenvolvidos e os países en desenvolvemento, así como no que respecta ao tratado sobre financiamento climático.

As reaccións

Para Ban Ki moon, secretario xeral da ONU, o acordo é o “máis complexo que se negociou nunca”.

Asociacións ecoloxistas, desafiando a inxente cantidade de efectivos das forzas de seguridade despregadas en París, manifestáronse nas rúas do centro para denunciar que o acordo só convence as multinacionais. Os e as activistas critican que o acordo, que cualifican de decepcionante, carece de ferramentas suficientes para frear o cambio climático.