Estratexia Galega de Cambio Climático da Xunta: aumentar a fixación de CO2 plantando máis eucaliptos

Adega presenta alegacións a este documento, composto por 170 medidas que, afirma, non teñen orzamento asignado e non abordan cuestións determinantes para estes obxectivos climáticos como Ence ou as térmicas.

A Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 que tramita a Xunta con convence os ambientalistas. Un documento que ten no seu horizonte a aplicación en 2023 e que, consideran, non é válido nin operativo para combater aquilo para o que en principio foi feito: a mudanza climática.

 

Adega presenta alegacións a este plan de 170 medidas. A asociación sinala que 60% desas propostas non teñen orzamento asignado e que o informe pretende falar de mdidas sobre mudanza climática sen tocar temas como as térmicas ou ENCE.

 

Nunha estratexia que se preze para conseguir ese obxectivo deberían figurar en lugar principal as medidas para lograr unha redución significativa das emisións de gases de efecto invernadoiro. “Porén, o Plan rexeita reclamar unha redución das emisións das industrias máis intensivas pola vía do abandono da xeración eléctrica con carbón”. O fomento das enerxías renovábeis déixase, ademais, á iniciativa privada, con cero euros de achega públicas, critican.
 

Preténdese tamén reducir a xeración de CO2 asociado aos residuos pola vía da "ampliación de Sogama para queimar menos plásticos" (30 millóns de euros) mentres que o orzamento para a compostaxe e a redución dos residuos son 6 veces menores, malia a ser estas medidas prioritarias de prevención.

 

Eucaliptos

 

Como non se quere apostar decididamente en reducir as emisións das térmicas, afirma Adega, a Xunta pretende cadrar as contas climáticas potenciando a silvicultura como elemento compensador: 46 millóns de euros. “Só interesa fixar máis carbono en máis madeira o máis rápido posíbel, e a vía é o eucalipto e as especies de crecemento rápido”.


 

As zonas húmidas, e particularmente as turbeiras e brañas, fixan 3 veces máis carbono que os bosques maduros e almacenan no seu conxunto unha cantidade deste elemento superior á de todos os bosques do planeta. Mais, critican os ambientalistas, a Xunta aposta no eucalipto.