O pantano proxectado en Navia co permiso de Franco volve para o caixón

A adxudicataria, Saltos del Navia, leva desde 1951 empeñada na construción do encoro. En máis de 60 anos de rexeitamento social, puxo o proxecto riba da mesa unha e outra vez até un total de oito. O Goberno español vén de emitir agora unha declaración negativa de impacto ambiental mais, ao non dar por caducada a concesión, a empresa ten aínda as portas abertas

O ministerio español do Medio Ambiente vén de emitir unha declaración de impacto ambiental negativa para o proxecto de construción dun encoro no río Navia, en Navia de Suarna, sobre un espazo que fai parte da Rede Natura --Os Ancares están declarados Lugar de Importancia Comunitaria, e danaría a reserva da biosfera do Eo--; para alén de afectar o patrimonio cultural e social, pois anegaría 450 hectáreas de zona agrogandeira. "Causaría efectos negativos sobre o medio ambiente", sinala o informe de Madrid, onde se di que afectaría tamén o municipio da Fonsagrada. A resolución estatal é unha cambadela nas intencións da promotora, mais non o freo definitivo. Poden presentar máis un novo proxecto.

E non é esta unha posibilidade descartábel, pois a empresa, Saltos del Navia, participada ao 50% por Endesa e Hidroeléctrica del Cantábrico, accedeu en 1951 a unha concesión para a construción do encoro, e leva desde aquela empeñada en espetalo na mesma ubicación. Intentárono até oito veces --1951, 1956, 1964, 1975, 1976, 1985 e 1995--, mais a presión social fixo que os seus plans ficasen en nada as oito veces. Desta volta, alén do rexeitamento do pobo e do movemento ecoloxista, a negativa chega do propio Goberno español, en mans do PP. Aproveitando esta labazada á empresa adxudicataria, a asociación ecoloxista Adega reclamou que a concesión franquista se declare caducada para fechar a porta definitivamente, após máis de 60 anos de rotundos 'non'.

Así as cousas, hai tres aproveitamentos hidroeléctricos que están a lle chucharen a auga ao Navia, "sobreexplotándoo e confinando o efluente a unha canle sen vida". A presa proxectada por Saltos del Navia tiña 75 metros, que aumentaron até os 130m en 1963 e que en 1975 se ergueu aínda máis, para acadar os 150m. O permiso foille outorgado polo ditador, malia que anegaría catro núcleos de poboación, entre eles a propia vila de Navia. En maio de 2010, o Parlamento de Galiza acordou de maneira unánime rexeitar o encoro, sumando a súa voz á das administracións locais. Alén de solicitaren que a licenza se dea dunha vez por caducada, desde Adega instan os gobernos español e galego a derrubaren presas "que deixaron de ser úteis". Hai 41 no país, e a de Navia sería, de se construír, a sétima meirande.