A calor non dá tregua e os termómetros volven superar a barreira dos 40 graos

Terrazas baleiras en Ourense por mor da calor extrema, que segue sen remitir. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Vigo rexistrou a noite máis cálida das dúas últimas décadas, cunha temperatura mínima de 29 graos centígrados.

Galiza volve sucumbir á vaga de calor que estes días axexa a península Ibérica e que, segundo as estimacións, esta cuarta feira alcanzou o seu pico. Porén, a alerta máxima decretada pola Xunta seguirá activa até, cando menos, mañá, se ben na fin de semana as temperaturas volverán superar os 35 graos centígrados en boa parte do país.

A estación meteorolóxica da Portela, en Vilamartín de Valdeorras, rexistrou contra as 16.10 horas desta cuarta feira o valor máis elevado da xornada, 42,4ºC. Moi perto ficou Ourense, que cunha temperatura de até 41,9ºC non se distanciou moito do seu récord histórico, alcanzado na terza feira (43,3ºC).

Foron varias as localidades galegas que superaron novamente a barreira dos 40ºC, como Arnoia (40,1ºC), onde o clima adverso non remite após marcar na terza feira o maior rexistro de todo o país: 43,7ºC.

A calor non deu tregua nin sequera durante a madrugada. Cospeito marcou, ás 7.30 horas, a temperatura mínima (11ºC), mais a protagonista da noite foi a cidade de Vigo, que bateu todos os rexistros das últimas dúas décadas ao ficaren os termómetros en todo momento por riba dos 29,1ºC.

Avisos vermello, laranxa e amarelo

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) recomenda manter de cara á quinta feira as precaucións no conxunto da Galiza, pois tanto Ourense como as comarcas do surleste fican en aviso vermello, agás as costeiras, que comparten cos municipios do noroeste a alerta de cor laranxa, namentres no interior do país rexerá principalmente o aviso amarelo.

O mercurio volve marcar valores especialmente altos nas cidades, desde os 33ºC da Coruña até os 42ºC de Ourense, segundo Meteogalicia.