Máis de 160 hectáreas calcinadas en menos de 48 horas na Galiza: estes son os incendios que seguen activos

O lume de Ribadavia segue activo e xa calcinou máis de 50 hectáreas. (Foto: @incendiosgalici1 / Twitter)
Ourol, Melón, Ribadavia e Palas de Rei sufriron o ataque das chamas nas últimas horas.

A semana principiou cunha vaga de calor que, alén dos efectos prexudiciais sobre a saúde, deixa os montes galegos nunha situación de práctica indefensión, ao producírense unhas condicións meteorolóxicas que levaron a Xunta a decretar o "risco extremo" de incendios na metade do país.

E o balance desde a noite da segunda feira, cando aínda non pasaron 48 horas do primeiro lume detectado na presente semana, deixa cando menos 160 hectáreas arrasadas en Ourol, Cangas, VilamarínMelón, Ribadavia e Palas de Rei.

Os lumes de Ribadavia e Melón seguen activos

O primeiro deles orixinouse contra as 22.11 horas da segunda feira na parroquia de Ribadavia, no concello homónimo e, segundo a información máis recente facilitada pola Consellaría do Medio Rural, aínda segue activo.

Até o momento a superficie afectada rolda as 65 hectáreas. Nas tarefas de extinción traballan un técnico, 12 axentes, 32 brigadas, 21 motobombas, tres pas, unha unidade técnica de apoio, seis helicópteros e cinco avións, na que supón a maior despregadura de medios nestes intres.

En Quins (Melón), pola súa parte, detectouse un incendio arredor das 22.30 horas da segunda feira e tampouco puido ser controlado até o de agora. Son máis de 35 as hectáreas queimadas.

E no mesmo lugar no que se orixinara o primeiro lume, un segundo foco xurdiu só 24 horas despois, contra as 22.38 horas desta terza feira, con arredor de 45 hectáreas afectadas.

Aliás, cumpridas as 21 horas da terza principiou outro na parroquia de Cuíña, en Palas de Rei, que foi sufocado polos servizos de emerxencias contra as 2.21 horas desta madrugada e calcinou unha superficie que rolda as 22 hectáreas.

Desde Medio Rural salientan que este lume tivo na súa orixe tres focos diferentes, polo que "todo indica que foi intencionado". O 'modus operandi' foi o mesmo que o achado no municipio de Ourol na tarde da segunda feira —iniciado ás 13.37 horas e controlado ás 19.53h—, con outras seis hectáreas arrasadas a partir de tres focos e claros indicios de intencionalidade.