Cales son os países con máis contaxios da varíola dos macacos? O Estado español, o segundo máis afectado

Doses da vacina contra a varíola do mono. (Foto: Europa Press)
Estados Unidos e Europa son os dous territorios con maior número de persoas infectadas.

Segundo os últimos datos proporcionados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), os contaxios de varíola dos macacos ascenden xa en todo o mundo por riba dos 35.000, dos que a gran maioría se concentran en Estados Unidos (EUA) e en boa parte de Europa.

Só na última semana, os contaxios aumentaron 20%, unhas 7.500 persoas infectadas máis, que reforzan a tendencia á alza alertada nas últimas semanas pola OMS e que levou ao organismo a declarar o nivel de emerxencia sanitaria internacional o pasado 23 de xullo. Trátase do nivel máis alto de alerta que pode decretar a OMS.

En total, 92 países contabilizan cando menos un caso desta enfermidade, até fai poucos meses só presente en territorios endémicos de África e Asia. EUA, con 15.000 casos, e o país que máis contaxios presenta.

Esta cantidade supón case a mesma que os contaxios de toda Europa. Segundo os datos achegados polo Centro Europeo para o Control e a Prevención de Enfermidades (ECDC), no continente detectáronse 19.429 contaxios polo de agora.

O Estado español é país de Europa con máis casos e o segundo do mundo, con 5.719 persoas contaxiadas. Por detrás, veñen Alemaña, Reino Unido, Francia, Países Baixos, Portugal e Italia.

Presente en persoas asintomáticas

A pasada terza feira, o Hospital Bichat-Claude Bernard de Paris, en Francia, fixo público un estudo que aseguraba que se atopara o virus da varíola do macaco en mostras anais de persoas asintomáticas.

Segundo o informe, publicado na revista científica 'Annals of Internal Medicine', estes datos poderían suxerir que o proceso de vacinación a aquelas persoas que tivesen unha exposición recoñecida ao virus podería non ser suficiente para evitar que siga propagándose.

Aínda que polo de agora non se pode asegurar que papel desempeñan as infeccións asintomáticas na propagación do virus, para os investigadores e investigadoras semella evidente que si estaría a producirse de maneira preclínica.