O Ministerio de Sanidade do Estado español confirma a segunda morte por varíola do mono

A preocupación medra nos Estados Unidos de América, onde San Francisco e Nova York xa declararon o estado de alarma.
Erupción da varíola do mono. (Foto: Europa Press)
photo_camera Erupción da varíola do mono (Foto: Europa Press)

O Ministerio de Sanidade informou este sábado da segunda morte por infección por varíola do mono no Estado español, tras notificar o día anterior a primeira, que se rexistrou na Comunitat Valenciana.

O home falecido, de 31 anos, permaneceu ingresado na Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Universitario Raíña Sofía de Córdoba, segundo detallou a Xunta de Andalucía nun comunicado.

Segundo os datos da Rede Estatal de Vixilancia Epidemiolóxica (RENAVE), a día 29 de xullo, notificáronse un total de 4.298 casos confirmados de varíola do mono no Estado español.

Este caso trátase da primeira morte en Andalucía e a segunda a nivel estatal despois da rexistrada na Comunitat Valenciana e que se produciu por encefalitis asociada á infección, tal e como detallou a Consellaría de Sanidade Universal.

Sanidade advertiu de que o Estado español é "na actualidade un dos máis afectados a nivel global". "Durante os meses de maio e xuño de 2022 presentou unha tendencia ascendente de casos notificados que continúa no momento actual", alertou.

Alerta nos Estados Unidos de América

A gobernadora de Nova York, Kathy Hochul, declarou nas últimas horas o estado de emerxencia polo brote de varíola do mono xa que a súa Administración rexistra máis de un de cada catro casos da enfermidade notificados nos Estados Unidos de América (EUA).

"Estou a declarar unha emerxencia estatal por desastre para fortalecer os nosos esforzos continuos para enfrontar o brote de varíola do mono", anunciou a gobernadora de Nova York nun comunicado.

A gobernadora indicou que máis dun de cada catro casos de varíola do mono dos EUA atópanse no Estado de Nova York, alcanzando case 1.400 casos notificados. Horas antes, as autoridades da cidade de San Francisco declararon tamén o estado de emerxencia pola crise sanitaria da varíola do mono.

Comentarios