Cal é a realidade dos centros educativos na Galiza? O IES Punta Candieira, exemplo das consecuencias da redución de profesorado

Pais e nais que integran a plataforma en apoio ao IES Punta Candieira. (Foto: Nós Diario)
A dirección do centro alertou a pais e nais das consecuencias dunha posíbel redución do profesorado.

No día de onte, un amplo grupo de pais e nais do alumnado do IES Punta Candieira, no concello de Cedeira, puxeron de manifesto a súa "total oposición" a unha redución do número de docentes que presuntamente quere levar a cabo a Consellaría de Educación.

A dirección do instituto trasladou un detallado informe aos pais do alumnado do centro educativo, no que se reflicten todas as trabas coas que se van atopar os docentes e a mocidade de cara ao vindeiro curso que comeza a semana que vén, no caso de que a redución de profesardo se faga efectiva.

Así, e segundo recolle este escrito, a redución do cadro de docentes provocaría o cese dos reforzos educativos de Lingua Castelá e de Matemáticas en 1º e 2º da ESO. Tampouco se poderán levar a cabo os desdobramentos para o laboratorio do centro estudantil nas materias de Física e Química e Ciencias Naturais, polo que estas serán impartidas só de maneira teórica, sen contar co compoñente práctico.

Aliás, a falta de profesorado afectará á elaboración dos grupos nos distintos niveis da Educación Secundaria Obrigatoria. Segundo lamenta a dirección, a intención da consellaría é levar os ratios de alumnado até o límite máximo para así poder recortar nas horas que faga o profesorado do centro.

Supresión do Bacharelato de Adultos

Outra das consecuencias da xestión educativa do Goberno galego é que o IES Punta Candieira verase obrigado a suprimir o Bacharelato de Adultos, xa que non poderán chegar ao mínimo exixido pola Consellaría de Educación despois de que esta cambiase os requisitos en agosto.

A Educación Secundaria para Adultos (ESA) tamén correría o risco de desaparecer, no caso de que o centro educativo non conseguise un número mínimo de 10 alumnos e alumnas matriculadas.

Por outra parte, o recorte de profesorado que critican provocaría a redución de varias optativas no Bacharelato, o que “afectará á ponderación da nota final que poidan necesitar para acceder a estudos superiores, tanto de Universidade como de Ciclos Superiores”.

Despois de que os pais e nais do alumnado do IES Punta Candieira constituísen unha plataforma para protestar e intentar evitar a redución do cadro de docentes no centro estudantil, o secretario xeral da CIG Ensino, Suso Bermello, trasladou o seu apoio nas redes sociais. Neste sentido, a plataforma ten pensado presentarse este sábado no pleno extraordinario do Concello de Cedeira, convocado tamén por esta posíbel redución do profesorado, para dar visibilidade ás súas reclamacións.